Todo listo para o XIV Festival de Maxia de Ames

Todo listo para o XIV Festival de Maxia de Ames
Todo listo para o XIV Festival de Maxia de Ames

Este festival organizado polo Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros máxicos dirixidos a todos os públicos

Onte presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o XIV Festival de Maxia de Ames, que se desenvolverá do 21 ao 27 de outubro nas casas da cultura e centros de ensino do concello. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros máxicos dirixidos a todos os públicos. 

Despois do éxito acadado nas pasadas edicións, onte presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o programa do XIV Festival de Maxia de Ames. A presentación correu a  cargo da concelleira de Cultura, Natividade González, e do mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo. A concelleira de Cultura recalcou durante a presentación a gran acollida que ten o festival ano tras ano, existindo unha gran demanda para todas as actividades que o forman. 

Natividade González destacou “a gran afección á maxia que existe a veciñanza amesá. Debido a iso, como non podía ser doutro xeito, un ano máis apostamos por darlle continuidade a este evento cultural. Este festival é un dos principais eventos que están incluídos dentro da programación deste outono. Sobre o escenario das casas da cultura haberá espectaculares efectos e números de maxia que como sempre desafían a lóxica. Animamos á veciñanza a que participe da semana da maxia de Ames”.

Por outra banda, o mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, explicou o imporante que é “chegar a todos os públicos, grazas a unha programación moi variada formada por obradoiros, espectáculos e galas”. En canto a estas últimas, recalcou o que para el é o evento máis importante do XIV Festival de Maxia: A Gala Internacional de Maxia. Un evento no que se poderán ver espectáculos de maxia de magos que actúan por toda Europa.

ESPECTÁCULOS DE MAXIA PARA 3.096 ALUMNOS

A programación do XIV Festival de Maxia Concello de Ames comeza o luns 21 de outubro cos espectáculos que se desenvolverán ata o venres 25 nos centros de ensino: CEIP A Maía; IES de Ames, en Bertamiráns; EEI Milladoiro; escola unitaria da Tarroeira; escola unitaria de Covas; CEIP de Barouta; Colexio Alca; CEIP Agro do Muíño; CEP de Ventín; e no IES O Milladoiro. Estas actividades, impartidas polo mago Joshua Kenneth e o mago Paco, están dirixidas ao alumnado de infantil, primaria e secundaria. Está previsto que participen uns 3.096 alumnos. 

A programación continúa o venres, 25 de outubro, co espectáculo Momentos Máxicos co Mago Rafa, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 18.00 horas. Esta actividade está dirixida a un público familiar e a nenos e nenas de 6 anos en diante. A compra das entradas poderá realizarse a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. En canto ao prezo, 2 euros para os maiores de 18 anos e 1 euro para os menos de idade. 

OBRADOIROS DE MAXIA

Outra das actividades que realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26, o mago Joshua Kenneth impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo do Mago Paco. Para estes talleres ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). 

GALA INTERNACIONAL DE MAXIA

A principal actividade do XIV Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán catro pases. Este ano como novidade amplíase unha sesión máis para dar cabida a todo o público que ano tras ano queda sen entrada para ver esta gala máxica. Nesta edición participarán nela as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino. A Gala Máxica estará presentada por Pepín Banzo. 

Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o domingo outras dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro. A primeira función será ás 17.30h e a segunda ás 20.00 horas.

En canto a cada un dos espectáculos da gala, o da famosa maga Gaia Elisa Rossi é un dos máis sorprendentes da gala, realizando unha crítica ós estereotipos da sociedade a través da maxia. Outro prato forte é Xulio Merino, que realizará grandes trucos de maxia  con esponxas, ou Magica Gilly, cun espectáculo máxico “sen barreiras”. Con respecto a Dani Polo, mago e produtor de Abarajar Producciones, declarou no acto de presentación que actuará cun número novo, con maxia de gran formato gracias a espectáculos de pirotecnia e iluminación. 

Comentarios