Os populares de Ames solicitan un pleno extraordinario para aclarar a adquisición do espazo “coworking”

Os populares de Ames solicitan un pleno extraordinario para aclarar a adquisición do espazo “coworking”
Os populares de Ames solicitan un pleno extraordinario para aclarar a adquisición do espazo “coworking”

A solicitude ven motivada polo cambio de criterio ao pasar dunha adxudicación directa a unha licitación “a medida”

O Grupo Municipal Popular de Ames, ven de presentar onte a solicitude dun Pleno Extraordinario no que inclúen como punto da orde do día a anulación inmediata do procedemento de adquisición do inmoble destinado a uso como espazo colaborativo (Coworking) no Milladoiro. Un feito co que, os concelleiros e concelleiras do Partido Popular, tentan "contravir os principios básicos que regulan a igualdade e a non discriminación, a obxectividade, a transparencia dos procedementos e a libre competencia e concorrencia dos posibles candidatos". 

"Esta decisión ven motivada polo cambio de criterio que o goberno socialista levou a cabo sen información algunha á oposición, posto que, a intención do Alcalde Miñones, nun inicio foi mercar este inmoble mediante adquisición directa, tal e como foi aprobado na Xunta de Goberno Local celebrada en novembro de 2018", aseguran os populares.

En canto ao propio sistema de pago, os populares tamén mostran serias dúbidas, posto que, a vantaxe dos propietarios do “pre-acordo” é clara: no propio documento cítase textualmente que: “...O sistema de pago que se levará a cabo será mediante un pago a prazos plurianual no que ese contemplará o pago directo da subvención da Deputación de A Coruña que aportará o Concello para a adquisición do local. O modelo tipo do contrato compra-venda que se asinará, xa foi adiantado á entidade...”. 

O preocupante para os Populares son os pregos elaborados para a licitación do espazo, nos que apenas se dá importancia ao factor prezo (20 puntos sobre 100), pero nos que si se premia considerablemente factores que non deberan ser tan decisorios como a “distancia do local á parada de transporte público metropolitano máis cercana” con 10 puntos. Sendo “demasiada casualidade que haxa unha moi preto do local “pre-acordado”; criterios como a superficie útil para este espazo coworking, que coincide, sendo case a mesma, que a do local “pre-acordado”; ou, entre outras, a particularidade de que o local teña cando menos 10 metros de fachada de cara ao espazo público, rúa ou praza lindante.

Xa por último, chama moito a atención que nos pregos outórganse un máximo de 15 puntos á redución no prazo de entrega do local a contar dende a formalización (30 días naturais) ata un máximo de 15 días naturais, cuestión esta que demostra a gran vantaxe que o propietario do local ten fronte aos seus posibles competidores porque o local está totalmente rematado e incluso, o alcalde José Miñone, realizou unha visita ao citado inmoble para supervisar as obras tal e como él mesmo anunciou na súa conta de Facebook o 23 de novembro do 2018 ás 13.30 horas, e onde dicía textualmente que “Esta semana estivemos vendo os avances nas obras do local que albergará o espazo colaborativo A Proa para emprendedores. Cada día mais cerca”.

Por todos estes motivos, e tal e como indica a Lei 7/1985 de 2 de abril de Bases de Réxime Local, os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal Popular, solicitaron a convocatoria dun Pleno Extraordinario no que se poida levar a cabo a anulación inmediata do procedemento e a convocatoria dos representantes dos Grupos Municipais para afrontar a adquisición do local nas mellores condicións e garantías xurídicas, administrativas e escrupulosamente respectuosa coa libre concorrencia e transparencia. 

Comentarios