Baixan un 14,3% as separacións matrimoniais en Galicia durante o segundo trimestre do ano

Baixan un 14,3% as separacións matrimoniais en Galicia durante o segundo trimestre do ano
Baixan un 14,3% as separacións matrimoniais en Galicia durante o segundo trimestre do ano

Entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2019 presentáronse 1.471 demandas de divorcio e separación, fronte ás 1.717 do ano pasado

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 1.471, fronte ás 1.717 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 14,3 %. No conxunto do Estado a baixada foi do 6,7 %, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2019, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia se contabilizaron 5,5 demandas no período estudado, fronte ao 6,1 de media estatal. En comparación co primeiro trimestre do ano, as demandas de ruptura descenderon un 9 %, ao pasar de 1.618 a 1.471.

O estudo reflicte que entre o 1 de abril e o 30 de xuño na comunidade diminuíron tanto os divorcios consensuados (de 979 a 840, un 14,2 %) como os non consensuados (de 665 a 576, un 13,4 %). As separacións de mutuo acordo tamén baixaron, pois pasaron de 50 en 2018 a 39 no mesmo período deste ano, do mesmo xeito que as non consensuadas, das que se rexistraron 16, fronte ás 23 de 2019. Neste período non houbo ningunha petición de nulidade matrimonial, mentres que en 2018 presentáronse dúas.

No segundo trimestre de 2019 iniciáronse 175 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 2,8 % menos que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 479 a 477, un 0,4 % menos.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 264 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 256 do segundo trimestre de 2018, o que supón un aumento do 3,1 %; e 356 demandas de modificación de medidas non consensuadas (381 o ano pasado), o que representa unha baixada interanual do 6,6 %.

Estes datos débense interpretar tendo en conta a folga de funcionarios que entre febreiro e maio de 2018 afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia, pois se deixaron de rexistrar procedementos. Durante os meses estudados de 2019, ademais, parte dos xulgados contaron cun plan de reforzo de funcionarios para liquidar as consecuencias da protesta e axilizar os asuntos pendentes.

Comentarios