Volve o Santiago(é)tapas coas mellores tapas tradicionais e creativas

Volve o Santiago(é)tapas coas mellores tapas tradicionais e creativas
Volve o Santiago(é)tapas coas mellores tapas tradicionais e creativas

A XII edición de Santiago(é)tapas celebrarase do 14 de novembro ao 1 de decembro, cunha gran final que terá lugar do 6 ao 8 de decembro

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, presentaron a duodécima edición de Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostelería Compostela, co apoio da Deputación de A Coruña e o patrocinio de Mahou. 

Sindo Guinarte amosou o compromiso de Turismo de Santiago co fomento e promoción da gastronomía da cidade. Destacou a importancia de Santiago(é)tapas, que dende a súa creación en 2008 por parte da entidade municipal xerou un consumo de máis de 350.000 tapas. O concelleiro apuntou que, co obxecto de dar un novo impulso ao concurso, este ano Turismo de Santiago será o promotor do mesmo e a Asociación Hostelería Compostela asumirá a súa organización.

Pola súa banda, Sara Santos explicou as novidades desta edición, que se celebrará do 14 de novembro ao 1 de decembro. Entre todas as tapas participantes seleccionaranse dez finalistas que competirán na final prevista para os días 6, 7 e 8 de decembro, repetindo o modelo exitoso que se instaurou no ano 2018.  

Os obxectivos principais deste certame son incentivar a cultura gastronómica, dinamizar á cidade nun mes tradicionalmente de menor afluencia turística e amosar a calidade e o bo facer dos hostaleiros e hostaleiras de Santiago.

O concurso estrea unha imaxe que busca afondar no concepto de ubicación, amosando Santiago como o lugar perfecto onde gozar dunhas boas tapas. O novo logo garda tamén relación coa meta do Camiño de Santiago e as rutas de locais – as coñecidas (é)tapas – que poderán percorrer todos aqueles veciños e veciñas, así como visitantes, seguindo candanseu tapasporte. 

Santiago(é)Cóctel

A gran novidade desta edición é a organización do I Santiago(é)Cóctel, un concurso de cócteles que tamén se celebrará do 14 de novembro ao 1 de decembro. Neste concurso establécense dúas modalidades de cócteles: cóctel clásico, cun prezo fixo de 5 euros, e cóctel creativo, cun prezo de 6 euros. O prazo de inscrición para ambos concursos xa está aberto e prolongarase ata o 20 de outubro. Cada local poderá presentar un máximo de tres tapas e/ou dous cócteles.

Establécense dúas modalidades de tapas: tapa tradicional, cun prezo de entre 1 e 2 euros, e tapa creativa, de entre 2 e 3,50 euros. Enténdese por tapa creativa aquela que utilice produtos, técnicas de elaboración e presentación innovadoras. Así mesmo, haberá un premio maridaxe Mahou, no que poden participar ambas as dúas modalidades, sempre que o seu consumo se maride con calquera das distintas cervexas de Mahou.

Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, fíxase como requisito imprescindible para participar que as tapas inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia. No caso dos cócteles será imprescindible que inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto galego.

Premios

Outra novidade con respecto ao ano pasado é o número e a distribución dos premios. Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500; e un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en producto e un showcooking nun evento Mahou. Tamén se outorgarán os premios do público á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un. Ademais,  tamén haberá premios para os consumidores, que poderán optar a eles por completar as diferentes (é)tapas. Uns agasallos nos que está traballando a organización e que crecerán en cantidade e calidade con respecto a pasadas edicións.

Comentarios
Lo más