Rexeitan rebaixar a condena ao extesoureiro do Concello de Lousame por apropiación indebida

Rexeitan rebaixar a condena ao extesoureiro do Concello de Lousame por apropiación indebida
Rexeitan rebaixar a condena ao extesoureiro do Concello de Lousame por apropiación indebida

 Ademais, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a Audiencia impúxolle o aboamento dunha indemnización de 154.565 euros

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso de apelación interposto polo extesoureiro do Concello de Lousame (A Coruña) condenado pola Audiencia Provincial a dous anos e nove meses de prisión e a inhabilitación absoluta durante oito anos por cometer un delito de malversación de fondos públicos. Ademais, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a Audiencia impúxolle o aboamento dunha indemnización de 154.565 euros. Os outros dous acusados, a muller do que fora tesoureiro e o que era administrador dunha empresa á que o sentenciado desviou fondos, foron absoltos dos delitos de malversación de fondos públicos que lles imputaban. A sentenza de primeira instancia considera acreditado que o condenado, entre os anos 2010 e 2012, aproveitou o acceso que tiña ás contas bancarias da Administración local para desviar cartos “en numerosas ocasións e utilizando diferentes técnicas”. Desta forma, conseguiu apoderarse de 290.564 euros.

A maxistrada presidenta do Tribunal do Xurado apreciou a concorrencia das circunstancias atenuantes de diminución dos efectos do delito e analóxica de confesión. Os xurados, con todo, descartaron que o acusado colaborase activamente para obter probas decisivas para a identificación ou captura doutros responsables ou para o esclarecemento completo dos feitos delituosos e que o tempo transcorrido durante a tramitación do procedemento se considerase unha dilación indebida. O imputado solicitou no seu recurso ante o TSXG que tivese en conta estas dúas últimas circunstancias atenuantes da condena –cualificada de confesión e dilacións indebidas-, pero o Superior rexeitou as súas alegacións.

Así, os maxistrados destacan na resolución que “non identificou as contas ás que transferira os cartos que desviou do Concello, non precisou cada unha das operacións fraudulentas e non cuantificou a cantidade real distraída”. Todo iso, tal e como reflicte a sentenza da Audiencia, “determinou a necesidade dunha complexa indagación por parte do persoal do Concello de Lousame, dunha auditoría externa e dunha dilatada instrución na que houbo que solicitar a cada unha das empresas provedoras do Concello a súa situación en relación cos créditos”. 

“Tal e como declarou o Xurado, non houbo unha efectiva colaboración do acusado, o que descarta de todo punto a aplicación do tipo atenuado do delito de malversación”, salienta o alto tribunal galego. Ademais, o TSXG rexeita ter en conta a atenuante cualificada de confesión porque “o acusado limitouse a recoñecer distraer cartos das arcas municipais cando xa non existía posibilidade de ocultar a infracción ante o seu inmediato e inevitable descubrimento, unha vez que o Concello tiña constancia da malversación, pero sen que en ningún momento o recoñecemento do acusado alcanzase os niveis necesarios para apreciar por si só e por si mesmo esa atenuante”.

Comentarios