Reitores de 25 universidades do mundo reúnense estes días en Santiago

Reitores de 25 universidades do mundo reúnense estes días en Santiago
Reitores de 25 universidades do mundo reúnense estes días en Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo inaugurou o Encontro Internacional de Reitores no que participa unha trintena de representantes de países europeos e americanos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a contribución do mundo académico ao estudo da Ruta Xacobea durante o acto de apertura do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago, un evento organizado pola Xunta e o Grupo Compostela Universidades que reunirá desde onte ata o venres a máis de 32 representantes institucionais dos órganos de goberno de 25 universidades de nove países europeos e americanos.

A celebración deste encontro responde ao interese común por difundir os valores do Camiño e promover sinerxías entre universidades nacionais e internacionais. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo destacou a relación entre a Ruta Xacobea e as institucións académicas como “transmisoras” dos valores que caracterizan a sociedade actual. “Europa naceu nas universidades e estendeuse peregrinando a Compostela”, engadiu durante o transcurso do acto no que tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski.

A programación deste evento contempla a celebración de diferentes actividades que teñen como obxectivo estreitar lazos entre a educación superior e o Camiño de Santiago e deseñar novas iniciativas que favorezan o desenvolvemento sustentable dos distintos itinerarios. Así, a cita inclúe unha vertente académica con actividades como mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de expertos entre os que destaca a xefa de Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo.

ANTESALA DO XACOBEO 2021

O encontro complétase con visitas culturais e académicas, degustacións de produtos galegos e un percorrido polo Camiño de Inverno na contorna da Ribeira Sacra. Precisamente, durante a xornada do venres, está prevista a sinatura da Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, un documento que deixará patente a vontade dos participantes de seguir traballando a prol da mellora da educación superior.

Segundo Román Rodríguez, esta cita será unha “oportunidade única” para promover a reflexión e o desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago nun ámbito como a educación superior coa ollada posta no próximo Xacobeo 21. De feito, explicou que este encontro representa algúns dos valores recollidos no Plan Estratéxico do Ano Santo, como son a aposta por unha celebración sustentable, hospitalaria, multicultural e integradora.

Mostra do carácter internacional da Ruta Xacobea, engadiu o conselleiro de Cultura e Turismo, é que no que vai de ano recibiu peregrinos de 186 países, polo que destacou a necesidade de “reivindicar o espírito xacobeo” como símbolo de hospitalidade, diversidade e intercambio cultural. 

Comentarios