Os concellos da comarca de Ordes rexeitan a creación de novos parques eólicos na zona

Os concellos da comarca de Ordes rexeitan a creación de novos parques eólicos na zona
Os concellos da comarca de Ordes rexeitan a creación de novos parques eólicos na zona

Representantes de Concello de Ordes, Mesía, Frades, Oroso, Trazo, Tordoia e Cerceda reuníronse hoxe con membros do colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes, que lle reclamaron unha maior presión política e visibilización nas súas posturas para forzar á Xunta a que exclúa esta zona do Plan Sectorial Eólico

O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas reuniuse este xoves ao mediodía cos alcaldes de Ordes, Mesía, Frades, Trazo, Tordoia, Cerceda e unha representante do concello de Oroso, para abordar a preocupación veciñal derivada da inminente saída a exposición pública de varios parques eólicos e novas liñas de alta tensión de atravesarían a comarca e que poñería en perigo os intereses económico-sociais dunha zona rural considerada pola propia Xunta como de especial interese agrario.

Durante a xuntanza, que se prolongou durante case dúas horas, os membros das plataformas puxeron sobre a mesa argumentos de peso para insistir no rexeitamento a uns muiños (o parque eólico de Inxerio, en Ordes e Cerceda, o parque eólico de Solpor, en Mesía e Ordes, e o parque eólico de Gasalla, en Mesía e Frades) que serían os máis altos de todo o Estado (máis de 200 metros) e que estarían situados nunha área poboada, próxima ao Camiño de Santiago, e cunha alta densidade de explotacións agrarias e gandeiras. 

Neste sentido, as plataformas reclamáronlle aos rexedores que insistan ante a Consellería de Industria da Xunta de Galicia para que se exclúa a comarca de Ordes das áreas de desenvolvemento eólico establecidas no actual Plan Sectorial Eólico de Galicia; que se posicionen publicamente, ante as empresas e xunto cos veciños e veciñas da comarca, na defensa clara do ben común e en contra destas instalacións para a comarca, facendo efectiva en todos os concellos da Mancomunidade a declaración institucional aprobada o ano pasado e pola que se declaraban libres de eólicos; e que todos os concellos da Mancomunidade sexan de cara á cidadanía totalmente transparentes con respecto á información que poidan ter sobre os proxectos eólicos e novas liñas de alta tensión e que requiran á vez unha maior transparencia tamén das administracións involucradas na tramitación dos distintos expedientes.

Os representantes de cada concello, pola súa parte, amosaron a súa concordancia coas peticións das plataformas veciñais e comprometeron o seu rexeitamento a que se instalen na comarca macro proxectos eólicos e novas liñas de alta tensión que irían contra o interese xeral. Os membros da plataforma entregaron a cada representante municipal unha pancarta para que poidan colgada nos seus respectivos concellos e facer máis visible esta posición e amosaron a súa disposición a seguir traballando para lograr botar abaixo con argumentos técnicos e políticos os proxectos que hai enriba da mesa.

Comentarios