O Concello de Ames amosa os primeiros resultados do centro de compostaxe

O Concello de Ames amosa os primeiros resultados do centro de compostaxe
O Concello de Ames amosa os primeiros resultados do centro de compostaxe

O Concello de Ames instalou, no mercado de rúa de Bertamiráns, unha carpa con información sobre o proxecto de compostaxe de residuos orgánicos municipais. O obxectivo era concienciar sobre a importancia de facer unha boa separación do residuo orgánico e que a veciñanza poida coñecer o proceso da compostaxe


Neste proxecto están implicadas as Concellarías de Medio Ambiente e Educación, así como persoal técnico. Está financiado a través dunha liña de financiamento do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA), outorgadas polo Ministerio de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica. Este proxecto comezou a mediados de xaneiro deste ano. Esta iniciativa xurdiu co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas escolares do concello de Ames. Instaláronse 6 composteiros de 800 litros nun espazo do viveiro municipal de Barouta.

En primeiro lugar, entre os meses de xaneiro e febreiro tratáronse 5.100 quilos de residuo de cociña procedentes da rede municipal de comedores escolares. Estes foron, na súa maioría, tona de pataca, porros, repolo, restos de verduras, e mondas de laranxa, plátano, sandía e melón. Como segundo paso deste proceso engadíronse aproximadamente 3.800 quilos de restos de podas trituradas e follas secas que axudaron a estruturar e transformar os restos en compost. Os composteiros funcionan a unha temperatura que oscila entre 40 e 65 graos.

Despois do verán o compost xa estaba maduro e listo para sacar dos composteiros, aproximadamente 1.700 quilos de compost de boa calidade listo para usar como abono orgánico en horta ou como substrato en xardinería. Con esta primeira remesa fíxose un reparto público de arredor de 200 quilos, para que a veciñanza coñeza o proceso da compostaxe e a importancia de facer unha boa separación do residuo orgánico. Se a separación é boa transformamos un residuo nun abono orgánico e devolvemos materia orgánica á terra de forma natural.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, explicou que “esta iniciativa de colocar un posto no mercado de rúa de Bertamiráns funcionou moi ben. Repartimos arredor de 200 quilos de compost entre os veciños e veciñas que pasaron polo stand e todas as persoas que se achegaron mostraron moito interese por este proxecto. Haberá que seguir divulgando este proxecto que permite reducir a cantidade de lixo orgánico que se envía a planta de Lousame, e por conseguinte, unha redución de custes para as arcas públicas”.

Depositáronse 9 toneladas de residuos en 6 composteiros
Así, durante 6 meses, os 6 composteiros de 800 litros asumiron 9 toneladas de residuos sen problemas de cheiros nin contaminación. Tendo en conta que a tonelada de residuos supón un custe de 80 euros máis a recollida, aforráronse aproximadamente 720 euros en 6 meses. Ademais, hai que sumarlle a creación de emprego local que supón, xa que esta área, sempre de xeito controlado, pode medrar e asumir máis cantidade de residuos.

Este proxecto conta con persoal técnico encargado de supervisar como se executa o proceso de elaboración de compost. Ademais, formouse un/unha mestre/a compostador/a da empresa que xestiona o proxecto de compostaxe. O viveiro conta con 12 composteiros comunitarios (6 composteiros teñen unha capacidade de 800 litros e 6 de 320 litros), nos que os restos procedentes das cociñas municipais son convertidos en compost, que despois pode utilizarse como abono orgánico e substrato de cultivo.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou a importancia deste proxecto que está funcionando moi ben dende a súa posta en marcha no pasado mes de xaneiro. “Trátase dun proxecto pioneiro de aproveitamento de restos orgánicos dos comedores escolares, que busca reducir a cantidade de lixo que se tira nos contedores urbanos. Así, esta é unha clara aposta polo medio ambiente, a compostaxe e a xestión de residuos orgánicos. Con esta iniciativa conxunta de ambas Concellarías tamén se busca a posta en valor do viveiro de Barouta e a redución de custos en abonos para as zonas verdes do concello”.

Comentarios