Descende un 6,8 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

Descende un 6,8 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia
Descende un 6,8 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de 11 vítimas por cada 10.000 mulleres é a terceira máis baixa do conxunto do Estado, onde se rexistra unha media de 16,2

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.607 denuncias por violencia de xénero, un 6,8 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.725. A gran maioría das denuncias (1.210) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Baixa tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2018 contabilizáronse 1.611, fronte ás 1.545 deste ano nas mesmas datas, o que supón un descenso do 4,1 %.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia aumentaron os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se no segundo trimestre de 2018 optaron por esta opción 117 mulleres, este ano fixérono 133, o que supón o 8,6 % das vítimas, un 13,7 % máis que en 2018.

Galicia situouse como a terceira comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 11 persoas, fronte ás 16,2 de media estatal. Só Aragón (9,8) e Castela e León (10,1) teñen un indicador máis baixo. Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 524 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 482 de 2018, o que supón un aumento do 8,7 %. Das 524 adoptáronse 325, o 62 %.

O 78,82 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que é do 86,74 %

Comentarios