Diego López gaña o I Premio Ramiro Carregal de Cardioloxía para investigar as patoloxías cardíacas

Diego López gaña o I Premio Ramiro Carregal de Cardioloxía para investigar as patoloxías cardíacas
Diego López gaña o I Premio Ramiro Carregal de Cardioloxía para investigar as patoloxías cardíacas

O investigador principal do proxecto premiado, Diego López, explicou que o importe do galardón destinarase a investigar o impacto da amiloidose cardíaca en pacientes con estenose aórtica, unha patología ligada ao envellecemento que supón un grave problema de saúde

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo presidiu este martes no Hostal Parador de Santiago a entrega do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía, un galardón que recaeu nesta primeira edición no proxecto presentado polo equipo que lidera Diego López Otero, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Foi o propio Diego López quen recolleu o galardón de mans do presidente de honra do Xurado, o empresario e mecenas Ramiro Carregal quen, unha vez máis, animou “a toda a sociedade, e especialmente ao empresariado galego” a investir en investigación e en todos aqueles proxectos que axudan a construír unha “sociedade mellor para todas as persoas”.

Ademais do empresario e do presidente do Goberno galego acompañaron o premiado na mesa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis), Eloína Núñez e o Dr. José Ramón González Juanatey. A presidenta do padroado da Fundación e xerente do CHUS, Eloína Núñez, felicitou a todo o equipo premiado, ao que desexou éxito no seu labor, e ao empresario polo seu “exemplo de mecenado continuado”.

INVESTIGAR UNHA PATOLOXÍA FRECUENTE E EN AUMENTO

O Dr. Juanatey, presidente executivo do Xurado, incidiu tamén na importancia do apoio á investigación para poder facer fronte a patoloxías que afectan a miles de persoas, como son as cardíacas. Neste aspecto o catedrático e xefe de Cardioloxía do CHUS explicou que a convocatoria do premio busca, precisamente, apoiar un proxecto “capaz de xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón, que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”. Unhas patoloxías que supoñen un grave “problema de saúde” xa que están moi ligadas ao envellecemento, unha das características da nosa sociedade. O 5 % da poboación maior de 80 anos ten patoloxía aórtica e o 20 % destas persoas necesita algún tipo de intervención cirúrxica ou percutánea, polo que é necesario investigar sobre as causas, a prevención, o diagnóstico e o tratamento destas patoloxías co fin de poder abordalas mellor.

O Dr. Juanatey prevé que nos próximos anos se viva “unha revolución absoluta” no ámbito das enfermidades das válvulas do corazón grazas a proxectos como o premiado e todos os presentados ao premio que non foron elixidos nesta ocasión pero que contribuirán a achegar novo coñecemento neste ámbito.

O investigador principal do grupo cuxo proxecto recibiu este primeiro Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía agradeceu o esforzo do empresario e do Dr. Juanatey, un referente mundial na súa especialidade, por fomentar a investigación ao redor das enfermidades do corazón e especialmente na estenose cardíaca. Diego López explicou, nunha breve intervención, que o proxecto premiado tentará “coñecer cal é o efecto prognóstico da amiloidose cardíaca nos pacientes con estenose aórtica sometidos a implante de prótese aórtica percutánea (TAVI)”. Crese que entre un 15 e un 30 % dos pacientes tratados con TAVI presentan amiloidose cardíaca, “a maioría sen diagnosticar”, explica Diego López, o que conleva numerosos prexuízos tanto para o propio sistema sanitario como para o paciente.

INNOVACIÓN E EMPRENDEMENTO PARA UNHA ECONOMÍA COMPETITIVA

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou ao doutor López e ao seu equipo e asegurou que é “un orgullo que se premie un proxecto creado en Compostela, no CHUS, como este estudo sobre cardioloxía”. Así mesmo, o alcalde destacou o exemplo de Ramiro Carregal pola súa capacidade de traballo pero tamén “polo seu espírito emprendedor e pola aposta constante pola innovación”, dous dos “alicerces” nos que se asenta unha economía competitiva. Finalmente o alcalde compostelán avogou por “desenvolver unha economía sólida” que poida xerar “novas oportunidades de emprego para os mozos” e nese obxectivo “Concello e Universidade debemos camiñar xuntos”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo clausurou, cunha emotiva intervención, a primeira gala de entrega dun premio que nace con vocación de continuidade. 

Comentarios