O espectáculo "Language Planning" chega o venres ao concello de Ames

O espectáculo "Language Planning" chega o venres ao concello de Ames
O espectáculo "Language Planning" chega o venres ao concello de Ames

Este espectáculo, baseado na obra Made in Galiza de Séchu Sende, está dirixida a un público adulto, e representarase ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns

Os Quinquilláns Teatro chegan este venres, 18 de outubro, ao concello de Ames coa súa obra Language Planning. Este espectáculo, baseado na obra Made in Galiza de Séchu Sende, está dirixida a un público adulto, e representarase ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O custe das entradas, que xa están dispoñibles na billeteira electrónica do concello, ten un custe de 2 euros a xeral e 1 euro a reducida.

Os integrantes de Os Quinquilláns Teatro, Tero Rodríguez e Lucho Penabade, interpretarán este venres, 18 de outubro, en Ames o espectáculo Language Planning. Unha montaxe teatral de carácter cómico e retranqueiro, elaborada a partir de diferentes investigacións sociolingüísticas e de relatos de Made in Galiza de Séchu Sende.

Na obra, dous membros da LP, Language Planning, chegan a Galiza para acabar co seu conflito lingüístico mediante o exterminio da CL, Conflicting Language, tentando impoñer unha nova orde lingüística mundial. A pesar do traballo feito pola LP ao longo da historia e a súa determinación por rematar co problema, as dificultades medran día a día. En canto ás TR, Tribus da Retranca, resultan imprescindibles e a imposibilidade de guialas polo camiño marcado enche de contradicións o obxectivo de volver á base da LP co problema solucionado.

Ademais, todas as persoas que asistan a ver este espectáculo serán agasalladas cun exemplar de Made in Galiza de Séchu Sende, publicado pola editorial Galaxia.

Ese mesmo día, ás 12.00 horas da mañá, terá lugar unha función escolar para o alumnado dos IES de Ames. Contarse coa presenza do autor da obra, Séchu Sende, que conversará co alumnado amesán.

Comentarios