Os investigadores reclaman melloras na política científica de Galicia

Os investigadores reclaman melloras na política científica de Galicia
Os investigadores reclaman melloras na política científica de Galicia

Representantes do Colectivo de Investigadores/as Posdoutorais de Galicia, da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) e da Plataforma Galega de Traballadoras/es en Investigación Sanitaria (PLAGTIS) debaten sobre as condicións laborais da carreira investigadora en Galicia nunha mesa redonda celebrada este martes na USC

O Colectivo de Investigadores Posdoutorais de Galicia e maila Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) organizaron onte martes 15 de outubro unha mesa redonda no CiMUS da USC para debater sobre a realidade da carreira investigadora en Galicia, facendo especial fincapé nas dificultades ás que se enfrontan as persoas que tentan desenvolver o seu traballo científico no noso país.

Os participantes nesta mesa foron, en concreto, Laura Camino Plaza e Daniel Cao Labora en representación da AIC, Iván Villarmea Álvarez pola banda do colectivo posdoutoral e Adrián Cordido Eijo no nome da Plataforma Galega de Traballadoras en Investigación Sanitaria (PLAGTIS).

Estes tres colectivos critican as políticas científicas que se están a aplicar desde a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas por considerar que están caracterizadas pola mercantilización e a precarización da investigación. Esta tendencia provoca que as persoas que comezan ou tentan desenvolver aquí a súa carreira investigadora teñan por diante un escenario de contratos escasos, case sempre temporais e normalmente precarios, que dificultan o desenvolvemento das súas respectivas investigacións, así como a conciliación destes traballos coa súa vida persoal e familiar. 

Fronte a esta situación, estes colectivos avogan por ampliar e redeseñar o modelo de financiamento da investigación en Galicia, coa finalidade de artellar unha política científica que asegure máis e mellores oportunidades a curto e medio prazo para as persoas que queiran investigar aquí. Ademais, a longo prazo, sería necesario acordar medidas que garantan a profesionalización estable e digna da carreira investigadora e faciliten o tránsito entre as súas distintas fases. É por isto que estes tres colectivos buscan agora crear un espazo de encontro e de debate onde poder compartir experiencias, problemas e propostas.

Esta mesa redonda serviu tamén para presentar ao Colectivo de Investigadores Posdoutorais de Galicia, unha rede formada no pasado mes de xullo para protestar polas condicións da nova convocatoria de axudas posdoutorais, que reducía o número de axudas correspondentes á Modalidade A de 51 a 46 contratos e prevía deixar no paro durante cinco meses aos máis de trinta investigadores que arestora están a participar no novo concurso da Modalidade B. 

Este colectivo aspira a converterse nun interlocutor habitual entre o persoal posdoutoral das universidades galegas e os organismos da Xunta de Galicia encargados de deseñar os programas de captación e retención de investigadores novos. Neste sentido, os seus integrantes pretenden reunirse proximamente con representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria para debater varias propostas, como as que atinxen, dunha banda, á necesidade de fixar un calendario anual estable para as distintas convocatorias de axudas pre e posdoutorais, e doutra, á creación dunha Modalidade C que consolide a traxectoria dos investigadores posdoutorais que xa pasaron polas Modalidades A e B.

Os numerosos puntos en común existentes entre este novo Colectivo de Investigadores Posdoutorais de Galicia, a Asemblea de Investigadoras de Compostela, fundada no ano 2017, e a Plataforma Galega de Traballadoras en Investigación Sanitaria (PLAGTIS) fixeron desta mesa redonda no CiMUS un primeiro paso na conformación dese espazo de encontro e de debate plural e transversal que tanto precisa a comunidade investigadora galega.

Comentarios