O CHUS finalista como mellor hospital e servizos nos premios 'Best in Class'

O CHUS finalista como mellor hospital e servizos nos premios 'Best in Class'
O CHUS finalista como mellor hospital e servizos nos premios 'Best in Class'

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e o Centro de Saúde de A Estrada, distinguidos entre os 5 mellores nacionais nas súas categorías, como tamén os servizos de Cardioloxía, Oncoloxía, Dixestivo, Microbioloxía, Nefroloxía, Pneumoloxía, Neuroloxía, Reumatoloxía, Farmacia Hospitalaria e as unidades de Esclerose Múltiple, Farmacia Oncolóxica,  Enfermidades Infecciosas de Pediatría e Investigación en Oncoloxía

A calidade asistencial, a innovación e a atención ao doente dos traballadores da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago foi novamente recoñecida na selección de finalistas dos prestixiosos premios BIC (Best in Class), promovidos anualmente polo diario de información sanitaria Gaceta Médica e a cátedra de Innovación e xestión sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos, coa finalidade de “promover a calidade asistencial nos hospitais e centros de saúde”.

Na XIV edición dos Premios Best in Class (BIC) a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago é finalista en 15 categorías. Significa que está entre os 5 mellores de España  nas categorías de: mellor Hospital, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; mellor servizo de Atención Primaria o Centro de Saúde da Estrada; mellores servizos: Microbioloxía, Nefroloxía, Pneumoloxía, Neuroloxía, Cardioloxía, Patoloxía Dixestiva, Oncoloxía, Reumatoloxía e Farmacia hospitalaria: mellores unidades, a Unidade de Esclerose Múltiple, de Enfermidades Infecciosas de Pediatría e Farmacia Oncolóxica; e no apartado de investigación, a Investigación en Oncoloxía.

O obxectivo destes premios é recoñecer publicamente ao mellor centro de Atención Primaria, ao mellor hospital e aos mellores servizos e unidades estatais, tanto públicos coma privados, que buscan a excelencia na atención que lle prestan aos seus pacientes.

A concesión dos premios baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cumprimentados polos hospitais e centros de atención primaria. 

A Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e as distintas sociedades científicas colaboran dando rigor e independencia ao sistema de avaliación da calidade asistencial.

O 29 de outubro, na gala anual que terá lugar no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela daranse a coñecer os gañadores de cada unha das categorías. 

O traballo desenvolvido polos profesionais da xerencia de Xestión Integrada de Santiago conta cunha longa tradición de recoñecementos nestes premios. Con servizos que viron premiado o seu traballo como o mellor de España en diversas ocasións, como dixestivo, cardioloxía, neonatoloxía ou a unidade de enfermidades infecciosas de pediatría. O centro de Saúde de A Estrada tamén foi designado como o mellor no eido nacional, e é candidato a repetir este ano.

A organización dos Premios BIC só fai públicos os ganadores e finalistas en cada categoría. Os ganadores reciben un diploma acreditativo nun acto público e a prestación dun servizo que lles sirva de ferramenta de mellora continua. Ademais, os ganadores e finalistas forman parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que se edita anualmente.

Comentarios