A USC é a universidade española con maior número de alumnado implicado en voluntariado

A USC é a universidade española con maior número de alumnado implicado en voluntariado
A USC é a universidade española con maior número de alumnado implicado en voluntariado

. Con 3.372 estudantes implicados, a USC é a institución académica con máis alumnado voluntario de toda España


O compromiso da comunidade universitaria de Santiago e Lugo coa acción solidaria tamén se manifesta no número de programas impulsados, xa que durante o pasado curso 18/19 a USC emprendeu 190 iniciativas, un 11% máis que o curso anterior, o que a sitúa como a terceira institución máis activa de España na promoción de proxectos de acción social. Estes datos están recollido na sétima edición do Estudo de Voluntariado Universitario realizado pola Fundación Mutua Madrileña no que se recolle a información de 48 universidades públicas e privadas, practicamente o 60 por cento do total de centros en España, así como de 113 ONG.

Respecto do conxunto da Comunidade galega, o estudo sinala que as universidades galegas aumentaron nun 80% a participación de estudantes en actividades de voluntariado, a maior parte procedentes das áreas de Ciencias Xurídicas e Sociais e das de Ciencias e Ciencias da Saúde. Neste senso, durante o pasado curso, un total de 4.170 estudantes colaboraron nalgún dos 273 proxectos impulsados polas institucións académicas galegas en colaboración con entidades sen ánimo de lucro.


Segundo os datos recompilados no conxunto do Estado, as universidades españolas emprenderon durante o curso pasado máis de 2.000 iniciativas de voluntariado, un 5% máis que o período anterior, nos que participaron máis de 19.200 alumnos e alumnas. Segundo Fundación Mutua Madrileña, as mulleres encabezan a participación ao representar o 83% do alumnado que colabora con entidades sen ánimo de lucro, unha proporción que aumenta cada ano. O mesmo informe especifica que seis de cada dez universidades centran os seus programas na mellora das condicións de vida da poboación infantil, seguidos dos proxectos dirixidos a persoas con discapacidades (54%) e aos colectivos en risco de exclusión social (52%). A duración media dos programas oscila entre seis e doce meses.

Entre os centros que impulsaron máis proxectos de voluntariado atópanse a Universidade de Girona, con 266 iniciativas, a Rei Juan Carlos de Madrid, con 192; e a USC, con 190. A compostelá destaca igualmente por ser a universidade que conta con maior volume de voluntarios vinculados a actividades altruístas, seguida de Murcia (2.237) e novamente Girona (1.307). Segundo o estudo, o alumnado procedente de ramas de Ciencias Sociais e Xurídicas (35%) son os máis implicados coas causas solidarias.


Comentarios