O Grupo en Común da Esquerda pide que se "devolva todo o que nos roubaron nestes anos de crise económica"

O Grupo en Común da Esquerda pide que se "devolva todo o que nos roubaron nestes anos de crise económica"
O Grupo en Común da Esquerda pide que se "devolva todo o que nos roubaron nestes anos de crise económica"

A voceira do Grupo Común da Esquerda avaliou esta mañá xunto a Manuel Lago os Orzamentos para 2020

Esta mañá, Luca Chao e Manuel Lago avaliaron en rolda de prensa os Orzamentos para 2020, que entraron o pasado sábado no Parlamento de Galicia. "Poderemos falar de recuperación cando nos devolvan todo o que nos roubaron nestes anos de crise económica, e con este proxecto de Orzamentos seguimos 2.000 millóns de euros por debaixo", manifestou Luca Chao.

O Grupo Común da Esquerda considera que os Orzamentos son decepcionantes por estaren en termos reais 2.000 millóns de euros por debaixo dos presupostos previos á crise. No que respecta aos servizos sociais percíbese un descenso de 832,5 millóns de euros con respecto a 2009. "Non cabe falar de expansión, nin de recuperación, nin desde logo de que estes sexan os mellores Orzamentos da Historia de Galicia", insistiu a voceira do Grupo Común da Esquerda. "Temos datos especialmente preocupantes e dolorosos, como son os 217 millóns menos en sanidade, 294 en ensino ou 161 en vivenda, piares fundamentais que sufriron o maltrato constante dos recortes do Partido Popular", engadiu.

Luca Chao tamén manifestou a indignación do Grupo fronte á diminución de cartos destinados a atención primaria, promoción de emprego ou cultura e normalización lingüística, "algúns dos eidos nos que Feijóo máis aplicou a tesoira durante estes anos". Lamentou tamén a mingua de recursos no respectivo aos sectores produtivos e o desenvolvemento empresarial: "nun momento de precariedade crecente, de perda constante de tecido industrial e dunha dramática sangría para o emprego, o Goberno ofrece unha proposta de Orzamentos que nos deixa 292 millóns de euros menos", expuxo. "Malas novas tamén para o medio ambiente; nun momento de emerxencia climática, no que tocaría poñerse a traballar para colocar a Galicia á vangarda da transición ecolóxica e protección do medio, vemos que para as políticas medioambientais se deixan 265 millóns de euros", agregou.

Para o Grupo Común da Esquerda estes Orzamentos consolidan unha década de goberno marcada polos recortes. "Feijóo pretende ofrecer toda a economía galega ao milagre xacobeo, pois non pon sobre a mesa ningunha medida que permita abordar o necesario cambio de modelo económico.Todo o contrario: insiste en vellas políticas, como alimentar o 'desarrollismo' turístico dos anos 60 e facer anuncios electoralistas de rebaixas fiscais", expuxo a voceira. No respectivo a estas rebaixas, o Grupo Común da Esquerda considera que van en contra das necesidades imperantes no actual momento de desaceleración, xa que fan agasallos aos que máis teñen e impiden camiñar cara á redistribución da renda e o incremento de recursos dispoñibles para políticas públicas. "Os Orzamentos ignoran a realidade das 128.000 persoas que se atopan en situación de pobreza extrema en Galicia, e ignoran tamén o feito de que a pobreza afecte en maior medida ás mulleres. Sabemos que as mulleres imos seguir pagando a factura da crise, soportando sobre os nosos ombros o sistema de coidados, xa que seguiremos sen prazas suficientes nas residencias de maiores e sen escolarización gratuíta de 0 a 3 anos", criticou Luca Chao.

Chao tamén denunciou a modificación de 25 leis a través da Lei de acompañamentos, "ese subterfuxio lexislativo en virtude do cal o Goberno ventila dun plumazo o que deberan ser sendos debates lexislativos no Parlamento", nomeadamente os cambios de fondo calado na Lei do Solo e na Lei de Rehabilitación, a cal "modifican porque non lles queda outra ao atoparse en trámite de impugnación constitucional, pero rectifican pola porta de atrás e obviando o democrático debate parlamentario".

Manuel Lago criticou que o presidente e o conselleiro se gabasen de que, desde que eles gobernan, os galegos contemos con 1.500 millóns de euros en beneficios fiscais. "A pregunta é: cantos dos recortes en sanidade e educación están explicados por eses 1.500 millóns de recorte nos impostos, que benefician sempre aos que máis teñen? Canto do brutal incremento da débeda se corresponde con eses regalos fiscais aos ricos?". Lago denunciou tamén o devalo do Fondo de Compensación Interterritoral (FCI), que estaba en 250 millóns de euros cando Feijóo chegou a gobernar -400 millóns se se traducen ao momento actual- e que agora se sitúa nos 42 millóns. "Defendemos outra estratexia de política fiscal e defendemos que existen recursos financeiros, cun modelo distinto de FCI e de estimación de ingresos máis precisa, para financiar medidas máis sociais como as antes expostas por Luca Chao", finalizou.

Comentarios