Boqueixón reduciu un 2,5% os residuos orgánicos dende 2018

Boqueixón reduciu un 2,5% os residuos orgánicos dende 2018
Boqueixón reduciu un 2,5% os residuos orgánicos dende 2018

O punto limpo rexistrou a entrega de preto de 120 toneladas de refugallos durante o ano pasado

O Concello de Boqueixón reduciu nun 2,5% os residuos orgánicos dende 2018. Por contra, rexistrouse un incremento dun 5,6% na reciclaxe de refugallos depositados nos colectores de envases lixeiros e plásticos.

Así se desprende do balance do servizo municipal de recollida de lixo, tendo en conta os resultados obtidos entre xaneiro e setembro tanto deste ano como do pasado. No caso do 2018, cuxo total anual ascendeu a 1.289.900 quilos, depositáronse neses nove meses 964.780 quilos de residuos orgánicos nos colectores verde. No mesmo período do 2019, a cifra viuse reducida ata os 940.480 quilos.

Pola súa banda, a veciñanza tirou 24.160 quilogramos de residuos aos colectores amarelos no que vai deste ano. Esta cantidade supón un 5,6% máis que a rexistrada entre xaneiro e setembro do 2018, período no que se acumularon 22.880 quilogramos, rexistrándose a finais de ano 31.260.

“Estas cifras veñen a reflexar unha maior concienciación da nosa veciñanza sobre a importancia tanto de reducir os residuos orgánicos nos fogares como de incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros”, indica o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor lembrou que a redución rexistrada nos colectores verdes tamén pode vir motivada “pola segunda fase da campaña de compostaxe caseira posta en marcha entre febreiro e marzo en colaboración con Sogama. Agardamos seguir desenvolvendo este tipo de iniciativas nos vindeiros meses”, engadiu.

Foron preto de medio cento os composteiros entregados á veciñanza para incorporar o seu uso nos fogares, sendo máis de 100 os contedores repartidos entre a poboación nos últimos anos. “Deste xeito, fomentamos tanto a redución dos residuos orgánicos como o respecto ao medio ambiente”, concretou Fernández Munín ao tempo que animou á veciñanza a apostar por este tratamento dos residuos orgánicos.

“Grazas a este tipo de medidas, o Concello de Boqueixón formalizou un convenio con Sogama, de xeito que poderemos aplicar este ano unha redución do 10% á taxa de recollida do lixo. Canto meirande sexa a redución de residuos e maior a reciclaxe, máis posibilidades teremos de seguir rebaixando os custos do servizo”, concretou o alcalde.

BALANCE DO PUNTO LIMPO

O Concello de Boqueixón tamén deu a coñecer o balance da actividade do punto limpo tanto en 2018 como entre os meses de xaneiro e agosto do 2019. Así, durante o ano pasado recibíronse un total de 116,201 toneladas de lixo. O grupo máis numeroso está conformado por papel e cartón, con preto de 50 toneladas.

A madeira foi outro dos materiais máis depositados no punto limpo do Concello de Boqueixón, coa recepción dun total de 17,2 toneladas durante o ano pasado. Os voluminosos, con 13,890 Ts., atópanse no terceiro lugar, mentres que no cuarto se sitúan os residuos de construción (10 Ts.), e no quinto, os plásticos duros (6,2 Ts.).

As recepcións restantes divídense entre chatarra (4,346 Ts.); cartón palla A-4 (3,570 Ts.); cristal (2,940 Ts.); film natural de embalar 98/2 (2,670 Ts.); electrodomésticos con CFC (1,5 Ts.); residuos non reciclables (1,350 Ts.); papelote de revista A-1 (1,296 Ts.) e pneumáticos (1,220 Ts.). Por debaixo da tonelada atópanse pinturas, aerosois de poliuretano, residuos electrónicos, envases de plásticos contaminados, absorbentes contaminados e filtros de aceite.

Entre os meses de xaneiro e de agosto deste ano entregáronse no punto limpo preto de 86 toneladas de refugallos. Ao igual que no 2018, o papel e cartón son os residuos máis depositados.

Comentarios
Lo más