A Deputación e Oroso investirán 204.501 euros na construción dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés

A Deputación e Oroso investirán 204.501 euros na construción dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés
A Deputación e Oroso investirán 204.501 euros na construción dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés

A senda será de pavimento terrizo ecolóxico e conectará Oroso Pequeno coa entrada de Sigüeiro a través do parque fluvial do río Carboeiro

Oroso contará cunha nova senda peonil que conectará  o núcleo rural de Oroso Pequeno até a entrada de Sigüeiro, polo parque fluvial do río Carboeiro, un tramo utilizado frecuentemente polos numerosos peregrinos que percorren o Camiño Inglés, e que actualmente carecen dun paso seguro polo que deben camiñar polo borde da calzada, cos conseguintes problemas de seguridade.

As obras suporán un investimento de 204.501 euros, dos que o 80% (163.601 €) serán achegados pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración, que será refrendado pola corporación provincial no pleno ordinario de mañá venres, 25 de outubro.

A actuación consistirá en acondicionar unha senda uniforme que se dividirá en dous tramos. O primeiro empeza no núcleo de Oroso Pequeno até a avenida Alvaro Cunqueiro, discorrendo pola marxe dunha estrada municipal estreita. Dada a imposibilidade de ampliar o vial, proponse limitar o tráfico rodado a un só sentido, contrario ao fluxo peonil sa senda, pavimentando a beira dereita da estrada e unha parte da actual calzada. Así, o ancho mínimo para os coches será de 3,10 metros, mentres que a a senda terá un ancho de entre 1,20 e 150 metros.

O segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro, paralelo ao polígono industrial, ata o punto de cruce coa área recreativa do Carboeiro. Neste tramo, anchéase o borde lateral dereito da senda, realizando pequenos desmontes para adecuar a topografía ao recorrido do Camiño. Neste tramo proxéctase un sistema de recollida de pluviais en continuidade co existente no polígono industrial. 

Para a pavimentación da senda no seu conxunto proponese un pavimento terrizo ecolóxico, agás no cruce da área recreativa, onde se usará pavimento de formigón desactivado. 

Esta actuación pretende valorizar, crear e reforzar unha imaxe de identidade común en torno aos diferentes Camiños de Santigo e enmárcase nas accións da Deputación para a promoción do Camiño Inglés e para a mellora da experiencia dos peregrinos, con actuacións que ademáis de mellorar a seguridade, executánse de forma respectuosa co medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio.

Comentarios