Ordes homeneaxará ao Soldado Lois o Día de Todos os Santos

Ordes homeneaxará ao Soldado Lois o Día de Todos os Santos
Ordes homeneaxará ao Soldado Lois o Día de Todos os Santos

Os actos conmemorativos terán lugar no cemiterio do Piñeiro a partir das 12 horas e contarán coa participación do Terzo Norte de Ferrol

Como cada ano Manuel Lois García, o 'Soldado Lois', terá un protagonismo máis que destacado no Día de Todos os Santos. Xornada na que o punto de mira se situará no cemiterio do Piñeiro, onde a partir das 12 horas se celebrará a tradicional misa que contará coa participación do Terzo Norte de Ferrol. 

O acto estará presidido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e polo coronel comandante, D. Juan Ruesta Botella. Ambos serán os encargados de facer a tradicional ofrenda floral ante a tumba mausoleo do ilustre veciño.

HISTORIA DO SOLDADO LOIS

Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.

Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacant, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia, que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermería do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.

Comentarios