O Goberno Local edita un manual de servizos funerarios en galego para o sector

O Goberno Local edita un manual de servizos funerarios en galego para o sector
O Goberno Local edita un manual de servizos funerarios en galego para o sector

Os representantes das tres funerarias apuntaron que a publicación reforza unha oferta en galego que xa veñen prestando

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, entregaron aos responsables das funerarias Apóstol Santiago, Casablanca e Albia o Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios. En vésperas de datas sinaladas de lembranza das persoas queridas falecidas, o Concello ofrece así ás empresas un incentivo para ofrecer os servizos funerarios en galego e para facilitar o uso correcto e normativo do idioma.

A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, agradeceu ao Concello de Ames a cesión da primeira edición do Manual, agora reeditada. Expresou a anomalía que supón que persoas que "se expresaron e viviron en galego sexan despedidas noutra lingua". Neste sentido, animou a desterrar prexuízos e a ofrecer os servizos funerarios tamén en galego, tal como sucede noutros ámbitos.

Na mesma liña se pronunciou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen apuntou que este Manual pretende contribuír a "facer normal o que xa debería ser normal", en alusión ao emprego do galego nos actos funerarios. Sempre dende o respecto á decisión de cada familia, emprazou ás empresas funerarias a ofrecer os seus servizos en galego.

Os representantes das tres funerarias apuntaron que a publicación reforza unha oferta en galego que xa veñen prestando. En particular, valoraron a súa utilidade para solucionar dúbidas sobre a corrección dos textos empregados nos ritos funerarios e o uso correcto do idioma. No acto participaron Alberto Gianzo e José Antonio Duro, de Albia Servizos Funerarios; José Manuel Fuentes, de Casablanca; e José Domínguez, de Funeraria Apóstol.

Ademais de ás funerarias, o Manual enviarase a outras empresas e servizos relacionados cos ritos funerarios 

Comentarios