Expertos de máis de 20 países falarán no Gaiás sobre desenvolvemento rural

Expertos de máis de 20 países falarán no Gaiás sobre desenvolvemento rural
Expertos de máis de 20 países falarán no Gaiás sobre desenvolvemento rural


Galicia é o lugar escollido para celebrar a próxima semana o Congreso Internacional sobre Desenvolvemento Rural e Turismo, no que participa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).



Este congreso, que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre o 5 e o 8 de novembro, estrutúrase en catro módulos: un será o Landnet Workshop, unha conferencia de carácter internacional da rede Farland da FAO, na que participan 20 países de todo o mundo, dedicada á mobilidade e ao mercado de terras; outro acerca do turismo, no que o Xacobeo 2021 terá un papel destacado; un terceiro arredor do comercio e os produtos de calidade e o cuarto dirixido ao empoderamento das mulleres do rural.

Trátase dun encontro que centra as súas actividades no intercambio de experiencias e no fomento da colaboración entre os participantes. Así, a de Santiago será a duodécima edición da conferencia, onde o módulo principal se centra na xestión da terra, nos retos e nas oportunidades de futuro. Aquí abordaranse todos os instrumentos que se utilizan nos países participantes para apostar pola mobilización da terras e loitar contra o abandono, tratando diversos temas vinculados ás políticas e ferramentas de xestión de terras, como son os bancos de terras, entre outros.

A Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (Agader) é a responsable de organizar este evento co que xa está familiarizado, xa que participa nel cada ano. De feito, na última edición, celebrada en Tallín, interveu o propio director xeral da axencia, Miguel Pérez Dubois, quen foi escollido como parte do comité de dirección da rede Landnet.

Ao longo destas catro xornadas haberá numerosos relatorios e mesas redondas xunto cunha visita a campo, que será o xoves 8, para que os asistentes poidan coñecer de primeira man diferentes proxectos vinculados ao desenvolvemento rural e ao turismo. Pódese consultar o programa completo do congreso na páxina oficial do congreso: https://mediorural.xunta.gal/xornadas/.


Comentarios
Lo más