Nova quenda de plantacións realizadas por peregrinos no Bosque do Camiño no Gaiás

Nova quenda de plantacións realizadas por peregrinos no Bosque do Camiño no Gaiás
Nova quenda de plantacións realizadas por peregrinos no Bosque do Camiño no Gaiás


A Xunta de Galicia continúa a facer medrar o Bosque do Camiño na Cidade da Cultura cunha nova quenda de plantacións neste mes de outono e realizadas, como na anterior de primavera, por peregrinos chegados de todo o mundo.



Estas novas plantacións programadas para os sábados 30 de novembro e 14 e 21 de decembro continúan as realizadas durante os meses de marzo e abril, nas que 163 peregrinos plantaron en nove días preto dun cento de árbores autóctonas. Estas plantacións foron as que lle deron vida a esta pequena fraga localizada no Bosque de Galicia, un dos grandes pulmóns verdes de Compostela conformado por 34 hectáreas e máis de 12.000 árbores e por onde discorre paralelo un tramo da Vía da Prata.

Ao igual que nesas nove quendas de primavera, as tres plantacións de outono están abertas a todos aqueles peregrinos que acrediten –coa Compostela ou os correspondentes certificados de Visita ou Deportivo– ter realizado un treito do Camiño de Santiago. Para poder participar só terán que inscribirse na páxina web da Cidade da Cultura –www.cidadedacultura.gal– en calquera das tres quendas dispoñibles.

Estas plantacións realízanse en colaboración con SEAGA, empresa pública de Servizos Agrarios Galegas e as persoas inscritas serán recibidas no punto de Información do Museo Centro Gaiás. En todo caso, desde a Cidade da Cultura anímaselles aos peregrinos que participen –como complemento á ruta que xa teñan feito do Camiño de Santiago– a achegarse tamén a pé ao Gaiás, xa que existe unha andaina –ruta tamén dispoñible en www.cidadedacultura.gal– que une o casco histórico de Compostela co complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman, e que lle permitirá a descuberta do rico patrimonio histórico e natural que une a praza do Obradoiro co monte Gaiás.

Ano da Vía da Prata

O ano 2019 é o Ano da Vía da Prata. Por iso, debe incidirse no feito de que parte do trazado desta ruta, a chamada Calzada do Sar, discorre paralelo á cara oeste do Bosque de Galicia, no que se implicou dun xeito importante a cidadanía xa que, a través da campaña Ponnos verde, moitas familias e colectivos –sobre todo da comunidade educativa– achegáronse a plantar árbores autóctonas nas faldras do monte Gaiás.

Neste senso, na última fase de plantación participativa do Bosque de Galicia, rematada en 2018, decidiuse reservar unha zona para que se convertera no Bosque do Camiño co obxecto de vencellar esta grande área natural da Cidade da Cultura co Xacobeo. Para iso, ofréceselles aos peregrinos que se achegan á Compostela a posibilidade de contribuír non só a paisaxe da cidade onde rematan o Camiño, senón tamén deixar unha pegada única e indeleble da súa experiencia.


Comentarios
Lo más