Cruz Vermella de Ordes pon en funcionamento o proxecto PINEO

Cruz Vermella de Ordes pon en funcionamento o proxecto PINEO
Cruz Vermella de Ordes pon en funcionamento o proxecto PINEO

Trátase dunha actividade dirixida a persoas entre os 8 e os 14 anos

A Asemblea local de Cruz Vermella en Ordes vai poñer en funcionamento o proxecto PINEO, cuxo obxectivo é fomentar a participación social de nenos, nenas e adolescentes. En concreto, trátase dunha actividade dirixida a persoas entre os 8 e os 14 anos, que se reúnen semanalmente para realizar actividades lúdicas e informativas sobre aspectos tan importantes coma a educación para o desenvolvemento e a cooperación internacional; a promoción e a educación para a saúde; a participación; a intervención e a inclusión social; a educación ambiental e a sostenibilidade; e a perspectiva de xénero e a coeducación, entre outros. No caso da asemblea de Cruz Vermella en Ordes, as actividades realizaranse os venres de 17:00 a 19:00 horas e os sábados entre as 10:00 e as 13:00 horas.

As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse ao proxecto poden facelo de forma presencial na asemblea de Cruz Vermella en Ordes (L.Xorardo, s/n. 15680 – Ordes) ou a través dos teléfonos 981 216 497 e 670 261 201. Ademais, está dispoñible o correo electrónico cruzrojaordes@cruzroja.es.

DIFERENTES ACTIVIDADES

O próximo martes 12 de novembro o maxistrado xubilado José Antonio Méndez impartirá un relatorio formativo gratuíto sobre aqueles aspectos legais a ter en conta de cara a tomar decisións pensando no futuro. Exporá, de maneira clara e sinxela, aspectos importantes do testamento vital, a autotutela, o poder preventivo, o contrato vitalicio, a hipoteca inversa, a tutela e a curatela. Trátase dunha actividade dirixida a persoas maiores que terá lugar na asemblea de Cruz Vermella en Ordes ás 17:00 horas. Esta actividade, aberta ao público xeral, forma parte do proxecto “Bó trato ás persoas maiores”.

Por outra banda, na tarde-noite do sábado 23 de novembro a Asemblea de Cruz Vermella vai levar a cabo na Casa da Cultura de Ordes a “Samaín Party”, unha festa temática pensada para rapaces e rapazas de 8 a 13 anos. Trátase dunha actividade en parella que necesita inscrición previa. En caso de acudir sen ela asignarase unha o meso día a actividade. O prazo de inscrición finaliza o xoves 21 de novembro.

A última das actividades previstas para o mes de novembro na asemblea de Cruz Vermella en Ordes ten relación co ámbito da formación. Nesta ocasión, os próximos 29 e 30 de novembro celebrarase o curso “Primeiros auxilios en bebés e nenos/as”. Cunha duración de 10 horas, o horario previsto será o venres de 16:00 a 21:00 horas e o sábado de 09:00 a 14:00 horas. O prezo de esta actividade é de 55 euros, aplicándose descontos a estudantes, persoas desempregadas ou voluntariado de Cruz Vermella.

Comentarios