A USC acolle a cuarta edición da 'Staff WeeK' na que participan corenta universidades

A USC acolle a cuarta edición da 'Staff WeeK' na que participan corenta universidades
A USC acolle a cuarta edición da 'Staff WeeK' na que participan corenta universidades

O obxectivo deste encontro e fomentar o intercambio de sinerxías que revertan na optimización da xestión dos programas de mobilidade

A cuarta edición da `Staff Week´ reúne esta semana na USC a membros da comunidade universitaria dunha vintena de países de máis de corenta universidades. Esta actividade, organizada polo Servizo de Relacións Exteriores no marco do Programa Erasmus + KA 107, ten como obxectivo primordial fomentar as sinerxías entre as universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización na xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio. Nesta edición, ao elenco de países habituais como India, Líbano, Xeorxia ou Rusia, súmanse tamén novas institucións procedentes de Cabo Verde, Malí, Senegal ou Ucraína. 

Na xornada inaugural, celebrada este luns 4 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, interviñeron o reitor Antonio López Díaz; Víctor Arce Vázquez, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización; e Anne Forryan, xefa do Servizo de Relacións Exteriores. Antonio López agradeceu aos asistentes a súa participación neste evento, clave para a USC e a súa dimensión internacional. Neste senso subliñou que este tipo de iniciativas fomentan a internacionalización e a interculturalidade “polo que representa un orgullo reunir a representantes de tantos países para poder estreitar os vínculos de colaboración”, sinalou López

A USC LÍDER EN COOPERACIÓN ENTRE UNIVERSIDADES

Pola súa banda Víctor Arce, destacou o avance espectacular da mobilidade na USC nos últimos anos, tanto en número de programas, participantes como a través da  ampliación da áreas xeográficas de influencia aos cinco continentes. Nesta liña, Arce explicou que “a universidade compostelá ocupa a terceira posición en Europa na coordinación de proxectos e segue a traballar na mellora continua dos procesos para optimizar a calidade dos mesmos e atraer e captar talento”.

AXENDA DE ACTIVIDADES

Durante os vindeiros días os participantes farán unha valoración conxunta dos programas Erasmus + KA 107 e debaterán sobre as directrices para a presentación das próximas candidaturas. Así mesmo, participarán nun obradoiro sobre a aplicación de xestión desenvolvida integramente pola USC, baseada na experiencia de plataformas previas empregadas na xestión de programas de mobilidade, que persegue o obxectivo de optimizar súa xestión, así como simplificar, axilizar e dotar de transparencia e carácter resolutivo aos trámites do proceso. 

A axenda de actividades inclúe tamén unha visita aos centros singulares de investigación CiMUS, CiQUS e CiTIUS, ademais de propostas culturais coma un percorrido polo patrimonio histórico da USC e unha visita programada para o mércores ao Campus de Lugo. A clausura desta actividade, onde se fará entrega dos diplomas aos participantes,  terá lugar o venres e contará coa participación de Anne Forryan, xefa do Servizo de Relacións Exteriores.

Comentarios
Lo más