Dous anos e tres meses de cárcere para un home que estafou 200.000 euros a unha familiar

Dous anos e tres meses de cárcere para un home que estafou 200.000 euros a unha familiar
Dous anos e tres meses de cárcere para un home que estafou 200.000 euros a unha familiar

Os maxistrados aseguran que para aparentar que estaba a xestionar de forma adecuada os cartos, comezou a realizar transferencias mensuais, por importe de 300 euros, á conta da afectada

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos e medio de cárcere un home que estafou unha curmá da súa nai, coa que chegou a inscribirse como parella de feito, 200.000 euros. O acusado, segundo considera probado o tribunal, gañou a confianza da muller, quen non ten familiares directos en Ferrol, tras viaxar a Galicia desde Madrid. 

Os maxistrados indican que, despois de coñecer as circunstancias económicas da vítima, decidiu “aproveitar a súa situación de soidade, a súa falta de coñecementos para a xestión de negocios e a debilidade do seu carácter para realizar unha serie de manobras encamiñadas a facerse co seus cartos”. 

Así, convenceuna para que abrise unha conta de banca electrónica “a pesar de que non tiña coñecementos de informática nin de uso da internet” e que transferise a ela 200.000 euros. Nesta conta o condenado figuraba como autorizado e dispoñía das claves necesarias para poder operar con ela.

Os maxistrados aseguran que para aparentar que estaba a xestionar de forma adecuada os cartos, comezou a realizar transferencias mensuais, por importe de 300 euros, á conta da afectada. “Ao obxecto de buscar unha cobertura fronte a posibles reclamacións, convenceuna para inscribirse como parella de feito en Ferrol e para que lle outorgase ante notario un poder xeral de representación, a partir do cal deixou de transferir os 300 euros mensuais”, relatan os xuíces.

Comentarios