Eva Mejuto afondará sobre a desigualdade de xénero este sábado en Ribeira

Eva Mejuto afondará sobre a desigualdade de xénero este sábado en Ribeira
Eva Mejuto afondará sobre a desigualdade de xénero este sábado en Ribeira

Na actividade, a través de pezas de cancións (tradicionais, antigas e contemporáneas de diversos xéneros musicais: coplas, boleros, pop, rock, rap e reguetón), analizarase a presenza de micro e macro machismos e violencia emocional e verbal

Este sábado 9 de novembro o Centro Cultural Lustres Rivas vai albergar unha dobre actividade promovida en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, que se enmarca dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Así, en primeiro lugar, ás 10:30 horas terá lugar unha conferencia titulada “Voces Violetas” a cargo de Eva Mejuto, autora de literatura infantil e xuvenil. Está especialmente dirixida ás ANPAs e as súas familias. Na actividade, a través de pezas de cancións (tradicionais, antigas e contemporáneas de diversos xéneros musicais: coplas, boleros, pop, rock, rap e reguetón), analizarase a presenza de micro e macro machismos e violencia emocional e verbal que axudan a perpetuar comportamentos de desigualdade. Tamén se indagará en personaxes de series de ficción actuais, tanto para o público infantil, xuvenil ou adulto, así como personaxes literarios das lecturas máis aclamadas polo público xuvenil proporcionando ferramentas de análise para sermos quen de detectar, analizar e combater, desde dentro dos nosos fogares, a desigualdade e a violencia.

Despois, ás 12 do mediodía, o Lustres Rivas dará cabida a un contacontos ofrecido pola propia Eva Mejuto na que a autora reflexionará sobre os roles habituais dos personaxes femininos e masculinos nos contos, propoñendo novas formas de contar historias nas que as nenas, mozas e mulleres sexan tamén personaxes activos, reivindicativos e que cuestionan os roles de xénero impostos.

Ambas iniciativas son gratuítas.

Comentarios
Lo más