O Gaiás amosa o primeiro libro escrito por unha muller na Peninsula Ibérica

O Gaiás amosa o primeiro libro escrito por unha muller na Peninsula Ibérica
O Gaiás amosa o primeiro libro escrito por unha muller na Peninsula Ibérica

Formará parte de ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira das tres exposicións internacional do Goberno galego polo Xacobeo 2021 que abre as súas portas o 15 de novembro

O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa. O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe –datado no século XI– está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira gran exposición internacional da Xunta polo Xacobeo 2021. A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, estivo presente xunto ao equipo da Cidade da Cultura durante a súa instalación en sala.

Exeria está considerada a primeira muller escritora –da que se ten constancia– da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla. A directora xeral de Patrimonio Cultural destacou que é tamén unha das personaxes claves que figuran no expediente para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, “e que avalan a existencia dunha fonda espiritualidade cristiá e correntes de peregrinación na zona, xa desde a época galaicorromana”.  

O Peregrinatio Egeriae está recollido no Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo –onde se conserva actualmente–. O texto está datado no século XI, cando foi transcrito a partir dun manuscrito anterior, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino.

Desde o seu descubrimento, o Itinerario de Exeria foi obxecto de numerosas edicións e traducións en todo o mundo. Pese a que o manuscrito se conserva incompleto e só chegaron a nós os fragmentos correspondentes ao Mediterráneo oriental, é unha das fontes máis valiosas para coñecer o papel da muller ao final do Imperio Romano, a espiritualidade desa época e incluso a transición entre o latín culto e o vulgar, que logo daría lugar ás linguas romances.

MÁIS DE 300 PEZAS

O Itinerario de Exeria é unha das obras senlleiras incluídas entre as máis de 300 pezas que conforman a exposición Galicia, un relato no mundo, que explora os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. A mostra, que se poderá visitar de balde na Cidade da Cultura entre o 15 de novembro de 2019 e o 12 de abril de 2020, inclúe pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–, ou a Santa –unha das obras máis significativas do escultor Francisco Asorey–.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía.

Comentarios
Lo más