En Marea pide que os comedores escolares se abastezan dos mercados locais para previr máis intoxicacións

En Marea pide que os comedores escolares se abastezan dos mercados locais para previr máis intoxicacións
Foto de arquivo
En Marea pide que os comedores escolares se abastezan dos mercados locais para previr máis intoxicacións

A formación considera que este sistema de compra de proximidade sería tamén positivo para comedores de hospitais, residencias e comedores de carácter público

En Marea proporá no Parlamento de Galicia que todos os comedores escolares do país se abastezan nos mercados locais para mellorar a calidade da alimentación dos escolares e para previr situacións como as acontecidas en distintos centros educativos galegos nos que se rexistraron intoxicacións alimentarias.

A proposta de En Marea é cambiar o sistema actual que de maneira xeral utiliza a Xunta de Galicia de suministro centralizado dos alimentos para os comedores escolares pola compra en mercados locais e de proximidade dos alimentos destinados a estes comedores. En Marea fará esta proposición no Parlamento de Galicia ao tempo que pide que a Consellería de Educación esclareza e dea explicacións sobre a intoxicacións rexistradas desde o comezo do presente curso. No mesmo sentido, En Marea propón á Xunta que o sistema de compra en proximidade sexa tamén utilizado por outras consellerías para os comedores públicos e os correspondentes a hospitais ou residencias.

A proposta de En Marea é que os comedores dos centros escolares e os dos hospitais e residencias e os comedores públicos merquen os alimentos en proximidade e no comercio local, en lugar de facelo como se está facendo actualmente que se merca de maneira centralizada. A proposta ten como orixe as intoxicacións alimentarias rexistradas en distintos centros educativos de Galicia. O pasado 18 de outubro foron afectadas por intoxicacións varias escolas infantís da rede Galiña Azul, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, tanto en Cangas como na provincia da Coruña. A Consellería de Sanidade confirmou que a causa fora o menú inxerido, consistente en peixe –palometa– que contería histamina, considerando a Xunta que a causa máis probable para a presenza desta substancia sería a ruptura de cadea de frío do peixe. Este consorcio comunicou ás familias que a empresa adxudicataria do servizo de comedor tiña orde de adquirir os alimentos no mercado local.

En Marea considera que esta solución debe ampliarse a todos os comedores escolares co mesmo sentido co se tomou a medida para o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, para evitar os problemas alimentarios que rexistra un sistema centralizado e que á calidade da alimentación e á saúde dos alumnos. A compra en mercados de proximidade e locais, ademais de favorecer á calidade da alimentación, favorece tamén a dinámica económica dos produtos locais. Para a formación sería necesario apostar pola cociña propia en todos os comedores públicos, principiando polos escolares, cociña propia con produtos da contorna.

A proposta, defendida pola deputada Paula Vázquez Verao, quere tamén que se dea a coñecer cal é o resultado das investigacións das distintas intoxicacións rexistradas en Galicia desde o comezo do curso. Verao pregunta tamén por se a Xunta ten pensado rescindir o contrato da empresa responsable da intoxicación e todas as medidas que teña tomado Educación para coñecer e evitar que estes feitos poidan volver acontencer.

Comentarios