Case 60 mil euros para a recuperación ambiental de Abruiñeiras

Case 60 mil euros para a recuperación ambiental de Abruiñeiras
Case 60 mil euros para a recuperación ambiental de Abruiñeiras

O Concello de Noia está a licitar as obras para a primeira fase da recuperación ambiental do borde marítimo da costa de Abruiñeiras. Un contrato cun orzamento base de licitación de 59.580 euros e un prazo de execución de tres meses para o que as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 15 de novembro no Rexistro Xeral do Concello de Noia.

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que o obxecto deste proxecto é “recuperar ambientalmente unha zona degradada para o desfrute da veciñanza e consolidar os muros exteriores da antiga fábrica de motores que desenvolveu a súa actividade aló na primeira metade do século XX”. Neste sentido, o alcalde lembra que o Concello xa acometeu a habilitación dunha senda peonil na zona pero que “o obxectivo agora é actuar nunha zona moito maior, co obxecto de conectar a zona do Paseo Marítimo de Barro coa camiño peonil da nova ponte sobre a ría”, buscando pechar ese circuíto circular polo borde da ría no que se traballa estes días no peirao do Marqués.

Obras

A actuación terá lugar na parroquia de Barro, sobre unha superficie de 4.059 metros cadrados do tramo denominado “Marxe esquerda río Tambre ata a ponte da estrada Noia-Boiro”, onde se acometerán traballos de recuperación ambiental e acondicionamento dos terreos deste tramo da costa de Abruñeiras para mellorar as condicións ambientais e paisaxísticas do lugar, recuperar o espazo para o desfrute da veciñanza e contribuír a recuperar a memoria histórica de Noia no que se refire ás actividades do seu pasado recente.

“Imos habilitar un espazo público nas inmediacións das ruínas da antiga fábrica de motores, que imos limpar e consolidar para que poida ser visitada en condicións de seguridade”, explica Freire Abeijón. Así, procederase a rozar e limpar o terreo e o interior da ruína da antiga fábrica, adaptando o terreo ás pendentes para evacuar a auga de choiva. Despois consolidaranse os muros de mampostería existentes mediante a retirada manual da vexetación invasora e o rearme do muro aló onde estiveran caídas as pezas.

A maiores, farase un sendeiro peonil mediante pavimento terrizo continuo sobre un asento  de zahorra a base de material granítico propio da contorna, que levará un borde de madeira. Ao longo do sendeiro colocaranse luminarias tipo baliza dunha altura non superior aos 80 centímetros e colocarase unha fonte con auga potable.

Os restos do pavimento da antiga fábrica de “Motoraco” será demolido e substituido por outro en pavimento terrizo de iguais características. O resto da superficie da actuación terá un tratamento mediante tapiz vexetal de pradeira autóctona, con especies presentes de forma natural na contorna. Nesa zona procederase á eliminación das plantas exóticas e invasoras e a súa substitución por outras autóctonas ou naturalizadas en Galicia. Cando menos, plantarase un exemplar das seguintes especies: loureiro, abruñeiro, ameneiro, salgueiro negro, vimbieira, sabugueiro, piñeiro do país, érbedo, acer, espiño, sanguiño e castiñeiro.

Ademais, acometeranse medidas de integración paisaxística de ocultación da EDAR de Noia, mediante a plantación de especies vexetais na liña de linde coa parcela municipal da depuradora. Esta liña vexetal realizarase mediante especies de folla perenne e autóctonas de Galicia como o loureiro ou o piñeiro do país.

Comentarios