Imbatibles, de novo, os equipos de fútbol-11

Imbatibles, de novo, os equipos de fútbol-11
Imbatibles, de novo, os equipos de fútbol-11

Os equipos de fútbol-11 da SD Compostela terminaron, unha nova xornada, imbatidos.

Os pequenos branquiazuis demostraron o seu poderío, mantendo cos seus resultados, seis triunfos e un empate, as posicións de privilexio. Entre eles, o Xuvenil A e Cadete A seguen na praza de ascenso e aumentaron a súa vantaxe, o filial empatou e segue na parte alta, o Cadete B mantén o liderado, mentres que o Xuvenil B, o Cadete C e o Infantil A afianzan a súa posición na táboa. 

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella, no seu ciclo de derbis, logrou este domingo un importante punto, despois de igualar 0-0 co Belvís, rival polo ascenso. Os dous equipos santiagueses non foron capaz de perforar a portería rival, polo que seguen igualados con 18 puntos, a tres do líder.

En Liga Galega, o Xuvenil A mantén o seu liderado, aumentando a vantaxe sobre os seus perseguidores ata as catro unidades, tras superar ao Victoria CF por 3-1. Os nosos, que fixeron bo o empate ante o Calasanz, agora segundo, superaron aos coruñeses, aínda que non sen sufrimento, xa que o duelo se decidiu na recta final do mesmo. Adrián Rodríguez foi o claro protagonista do choque ao lograr un hat trick que decidiu a contenda. Pola súa banda, o Xuvenil B fiou dous triunfos consecutivos, para subir á sexta posición, ao superar por 1-4 ao Milladoiro. Os branquiazuis dominaron desde o principio o duelo e levaron os tres puntos con senllos dobretes de Yago Moroño e Anxo Ferro.

Igualmente, no grupo 1 de Liga Galega, o Cadete A segue na súa praza de ascenso, no seu caso a segunda posición, ao superar ao CD Lugo B por 2-0. Os xogadores dirixidos por Iván Carril demostraron unha vez máis a súa solidez defensiva, con só cinco goles encaixados no que vai de curso, o que lles permite estar a tan só tres puntos do Deportivo B e con cinco de vantaxe sobre o terceiro. Nesta ocasión, o duelo decidiuno en ataque o pichichi da liga, Iker Carril, cun dobrete, aumentando a súa conta goleadora ata os nove goles.

Imitando aos seus compañeiros, o Cadete B, no seu regreso á competición, volveu demostrar o seu enorme poderío para golear por 0-8 ao Victoria FC e conservar con solvencia o liderado. Un hat trick de Rubén Sande e os tantos de Brais Rodríguez, Mateo Barros, Joel Rolf Seoane, Asier Guldris e Jorge Oliveira decantaron a balanza ao lado branquiazul. E, do mesmo xeito, o Cadete C tamén regresou á senda do triunfo, superando ao Milladoiro, aínda que pola mínima, 1-2. David Estévez e Javier Freire, cos seus goles, déronlle a volta ao choque para lograr os tres puntos.

E, por último en fútbol-11, o Infantil A superou o venres ao Noia por 1-4, para manterse afianzado na parte alta. Nesta saída complicada, decidiron o hat trick de Anxo Fuentes e o gol de Leo González. Pola súa banda, o Infantil B, se quere conservar o liderado, deberá gañar o xoves contra o Conxo, día para o que se aprazou o encontro.

En fútbol-8, o Alevín A goleou ao Calo para seguir na terceira posición da clasificación, mentres que o Alevín C caeu ante o Cacheiras B. En benxamíns, a sorte foi esquiva aos nosos, xa que o Benxamín A perdeu pola mínima contra o Amio e o Benxamín B ante o Atlético Fátima. E o Prebenxamín B, pola súa banda, cedeu co Amio.

Para rematar, en fútbol sala, o Biberón A logrou o seu primeiro triunfo ante o Racing San Lorenzo, mentres que o Biberón B perdeu contra o Oroso.

Comentarios