Preséntase o Libro Branco de Economía Social de Galicia

Preséntase o Libro Branco de Economía Social de Galicia
Preséntase o Libro Branco de Economía Social de Galicia

. O reitor Antonio López presidirá este mércores 13 de novembro, ás 19.30 horas, no salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, o acto de presentación do Libro Branco de Economía Social de Galicia.

Esta publicación, dirixida por Maite Cancelo Márquez e Manuel Botana do Centro de Estudos Cooperativos da Universidade, ten como obxectivo principal cuantificar a importancia que a comunidade autónoma galega ten en todo o conxunto de familias que compoñen a Economía Social.

Libro Branco de Economía Social de Galicia aspira a visibilizar e analizar, facendo algunhas reflexións, as distintas fórmulas xurídicas e fórmulas asociativas e a súa contribución á economía galega. Estruturado en trece capítulos, esta publicación aborda, entre outras cuestións, a evolución, a distribución territorial e os tipos de sociedades cooperativas galegas; as Sociedades Laborais; as características das Empresas de Inserción Laborais e os principais datos destas empresas en Galicia; ou os Centros Especiais de Emprego, segundo as súas tipoloxías, por provincias, sectores de actividade, emprego, e a súa estrutura financeira.

O Libro recolle tamén a principal información estatística sobre as Confrarías de pescadores pero tamén analízanse algúns datos do sector pesqueiro, os permisos de marisqueo e as vendas nas lonxas pesqueiras. As Sociedades de Transformación Agraria en Galicia, as Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común, os principais datos sociais e económicos das Mutuas de seguros e Mutualidades de Previsión Social en Galicia, a Entidade singular ONCE e a Fundación ONCE, a revisión das políticas públicas e tecido asociativo de apoio á economía social, e as entidades da Economía Social referentes en Galicia, segundo o estudo da patronal CEPES publicado neste ano, son outros dos temas abordados polo Libro Branco de Economía Social de Galicia.

Xunto ao reitor, tomarán parte no acto o conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde López; así como Xoán Ramón Doldán García, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Celso Gándara Carnero, presidente do Foro pola Economía Social Galega; José Luís Monzón Campos, presidente de CIRIEC-España; Manuel Botana Agra, Presidente do Comité Científico do Centro de Estudos Cooperativos; e Mª Teresa Cancelo, directora do Centro de Estudos Cooperativos.  

Comentarios