Santiago duplica a súa colaboración á Cámara de Comercio de Santiago

Santiago duplica a súa colaboración á Cámara de Comercio de Santiago
Santiago duplica a súa colaboración á Cámara de Comercio de Santiago

Sánchez Bugallo referiuse á necesidade de colaborar cunha "institución senlleira" como a Cámara de Comercio

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Sierra, asinaron este mércores un convenio de colaboración polo que o Concello achega 30.000 euros á entidade para financiar parte dos gastos dos servizos que esta ten en marcha.

En virtude deste convenio, colaborarase para o mantemento de servizos como os de información asesoramento e titorización de proxectos empresariais, e de fomento do espírito emprendedor no campo educativo; e os programas personalizados de creación e consolidación de empresas e autoemprego. Tamén se financiarán os servizos de asesoramento en materia de internacionalización.

Sánchez Bugallo referiuse á necesidade de colaborar cunha "institución senlleira" como a Cámara de Comercio, que "pasa por momentos dalgunhas dificultades, pola perda de parte do apoio legal que tiña, pero que segue sendo unha institución fundamental para a cidade como elemento articulador do tecido económico, para a súa ampliación e modernización e para o apoio aos novos emprendedores". Por iso, dixo, "duplicamos o apoio económico, pasando de 15.000 a 30.000 euros, e aprobamos unha bonificación fiscal do 95% no Imposto de Bens Inmobles que grava á Cámara de Comercio".

Tanto o alcalde como o presidente da Cámara valoraron o labor desta institución, sobre todo en materia de internacionalización, formación e como incubadora de empresas. Nese sentido, e recoñecendo as "circunstancias duras" polas que pasa a entidade, José Sierra agradeceu a achega municipal, xa que a Cámara "ten que recorrer á colaboración das institucións, porque as achegas vía asociados non son suficientes". En calquera caso, avogou por incrementar as aportacións dos asociados para garantir a continuidade da institución.

Tras reiterar a intención contar coa Cámara de Comercio como "socio preferente" para diversos proxectos de cidade, como o hub tecnolóxico, o alcalde manifestou a intención de contar coa institución na nova empresa que quere impulsar o Goberno municipal orientada a "captar investimentos e apoiar os emprendedores". Indicou que este proxecto contará con dotación orzamentaria para 2020, co obxectivo de poñela en marcha durante este vindeiro ano. 

Comentarios
Lo más