O profesorado galego movilízase antes da folga do 12 de decembro

O profesorado galego movilízase antes da folga do 12 de decembro
O profesorado galego movilízase antes da folga do 12 de decembro

A seguinte mobilización serán concentracións nas sete grandes cidades galegas o próximo 21 de novembro

Onte arrancaron as mobilizacións previstas polas organizacións sindicais antes da Folga do 12 de decembro para presionar a Xunta de Galiza a abrir unha negociación que lle permita ao profesorado recuperar os 18 períodos lectivos semanais en Secundaria e os 21 en Primaria que lles foron recortados nos anos 2011 e 2012. 

Delegadas sindicais da CIG-Ensino e das outras cinco organizacións con representación no ensino público non universitario levaron a cabo esta mañá unha marcha arredor de San Caetano que culminou cunha concentración reivindicativa fronte ao edificio administrativo da Consellaría de Educación durante a cal se cantou unha copla coas reivindicacións principais do profesorado galego. 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, apelou directamente o presidente da Xunta a que desbloquee a negativa a negociar esta devolución do horario lectivo, “despois de que se demostrase que a conselleira do ramo non ten peso político e que se limitou a transmitir meramente as consignas do seu xefe”. 

Así mesmo, Bermello pediulle a Feijóo que non siga coa escusa dos fondos que ten que achegar o Estado porque isto supón estar empregando o profesorado galego como refén diante das súas liortas co goberno de Madrid. Neste sentido, volveu recordar que en ningún momento a Xunta de Galiza lle devolveu ao Estado os cartos que aforrou con esta medida que supuxo a perda de miles de postos de traballo no ensino público galego.

FOLGA PARA O 12 DE DECEMBRO

A seguinte acción está prevista para o día 21 de novembro. Todo o persoal docente está chamado a participar en concentracións que terán lugar nas sete grandes cidades galegas para reclamar que se devolva un dereito roubado que xa foi recuperado polo colectivo docente doutras sete comunidades do Estado. Desde a CIG-Ensino chámase a participar masivamente nestas mobilizacións, así como tamén na folga do 12 de decembro “para recuperar a dignidade do profesorado e do ensino público vilmente atacado polos gobernos da Xunta e de Madrid nos últimos anos”.

Comentarios