Condenan a 19 meses de cárcere a sete acusados de explotar traballadores en Vigo

Condenan a 19 meses de cárcere a sete acusados de explotar traballadores en Vigo
Condenan a 19 meses de cárcere a sete acusados de explotar traballadores en Vigo

As xornadas laborais eran “ao aire libre, desde as 8 ou 9 da mañá, ata mesmo a caída do sol, sen iluminación nin descanso semanal”, polas que recibían “unhas remuneracións mínimas semanais”, asegura a sentenza

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena dun ano e sete meses de cárcere, como autores dun delito contra os dereitos dos traballadores, a cada un dos sete membros dun clan luso-español que explotaba compatriotas portugueses. 

O tribunal, do mesmo xeito que a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, considera acreditado que os traballadores realizaban para os condenados reparacións de palés de madeira que logo vendían a empresas. 

As xornadas laborais eran “ao aire libre, desde as 8 ou 9 da mañá, ata mesmo a caída do sol, sen iluminación nin descanso semanal”, polas que recibían “unhas remuneracións mínimas semanais”. A sentenza ratificada polo alto tribunal galego tamén lles impón a suspensión de dedicarse á actividade da madeira polo período de dous anos.

“É evidente que por moi rudimentario que sexa o formato elixido, era o válido e adecuado para xerar, nesa ordenación de medios de produción, un beneficio económico a cambio de outorgar aos traballadores unhas condicións de vida  míseras, en medios, protección e retribución”, indica o TSXG na resolución.

Comentarios