O Pino organiza diferentes actividades para conmemorar o 25N

O Pino organiza diferentes actividades para conmemorar o 25N
O Pino organiza diferentes actividades para conmemorar o 25N

A veciñanza poderá participar no curso sobre sucesións e testamentos, na andaina e carreira pola igualdade, e nas clases de defensa persoal

Con motivo da celebración do Día Internacional contra a violencia de Xénero, o Concello de O Pino está a organizar unha semana de actividades para promover a igualdade en diferentes ámbitos. Esta programación cultural conmemorativa que abrangue dende o día 21 de novembro ata o 28, conta cun curso sobre sucesións e testamentos, andaina e carreira pola igualdade, clases de defensa persoal e cunha obra de teatro. As inscricións realizaranse na Casa do Concello.

Os días 21 e 22 de novembro a Casa da Cultura de Arca acollerá de 18.30 a 20.00 horas o curso sobre sucesións e testamentos. Na xornada seguinte, na Área Recreativa da Madalena (Castrofeito) ás 16.00 horas, terá lugar o acto institucional de lectura do manifesto contra a violencia machista, que dará paso ao prato forte das conmemoracións. A I Andaina e Carreira pola Igualdade forma parte do programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, por iso está aberta a toda a veciñanza que queira percorrer 5 quilómetros cos que poñer punto final a esta lacra social.

O teatro chegará ao CPI Camiño de Santiago o luns 25 de novembro ás 13.00 horas coa actuación ‘Saber vivir’, da que gozará o alumnado de secundaria. O 26 e 28 de novembro rematará esta programación da man das clases de defensa persoal que se realizarán no Polideportivo Lameiro de 11 a 12 e de 20 a 22 horas.

As inscricións realizaranse de forma gratuíta na Casa do concello en horario de 10 a 14 horas, excepto a da andaina e a carreira, que se fará en www.carreirasgalegas.com ata o 22 de novembro ás 14.horas. Os interesados poderán conseguir más información chamando ao 981 511 002.

Comentarios
Lo más