Galicia rexistra máis de 700 incidencias debido ao temporal por vento e neve

Galicia rexistra máis de 700 incidencias debido ao temporal por vento e neve
Galicia rexistra máis de 700 incidencias debido ao temporal por vento e neve

Por provincias, a da Coruña foi a mais afectada con 441 incidentes rexistrados

O 112 Galicia contabilizou entre as 00:00 e as 18:00 horas desta tarde mais de 700 incidencias relacionadas cos episodios de meteoroloxía de nivel vermello na costa e de nivel laranxa por vento e por neve.

Por provincias, a da Coruña foi a mais afectada con 441 incidentes rexistrados, a de Pontevedra con 190, seguida a de Lugo con 56 incidencias e por último a de Ourense con 30 incidentes rexistrados.

En canto aos concellos que resultaron mais afectados foron na provincia da Coruña, o de Santiago de Compostela con 26 incidencias, o da Coruña con 44, o de Cambre con 22, o de Narón con 17, o de Carballo con 21 e os de Ordes e Culleredo con 15 cada un deles. Na provincia de Pontevedra destacamos o concello de Vigo con 56 incidencias, o de Ponteareas con 8 e o de Cangas con 7 incidencias. O concello de Barreiros con 5 incidencias e o de Vilalba con 3, na provincia de Lugo. E por último, na provincia de Ourense, destacamos o concello de O Carballiño con 4 incidentes e o de Ourense con 2.

Cómpre sinalar que as tipoloxías que mais se repetiron foron a de caídas de árbores e polas nas estradas (399), as de prevención de risco (97), as de danos por meteoroloxía adversa  (54) e por último 9 incidencias rexistradas por mor da neve.

En canto ás incidencias, malia que en ningunha delas houbo que lamentar danos persoais, destacamos a chamada de varios particulares que informaban dun refacho moi forte en forma de remuíño, que identificaban coma un tornado, guindara varias árbores e cables do alumeado público no lugar de Santaia de Arriba, en Arteixo, sen que se rexistrasen danos persoais. Sucedeu ao fío das 11:45 Horas e desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Local, a Protección Civil de Arteixo e aos Bombeiros de Arteixo.

Ademais, un refacho de vento destrozou un pendello, un hórreo e o valado nunha casa no lugar da Senra, en Ordes, sen que houbese que lamentar danos persoais. Ocorreu preto das 11:20 horas e desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ordes e da Policía Local.

Por outra banda, producíronse tres saídas de vía ás 10:20 horas na A-6 , en Aranga, por mor do xeo na autovía, sen que ningunha persoa resultase ferida. Desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos, do GES de Curtis e da Garda Civil de Tráfico.

En Lugo unha árbore caeu sobre dous turismos na Avenida de Ramón Ferreiro, non había ninguén no seu interior, polo que, non houbo que lamentar danos persoais. Tamén en Mondoñedo, unha árbore caída impedía que un autobús escolar con dous nenos a bordo chegase ao seu destino. En Ames, un particular alertaba ao 112 Galicia da caída dunha árbore sobre o seu vehículo, tampouco houbo que lamentar danos persoais. Desde o 112 Galicia pasouse aviso á Policía Local, aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Así mesmo, en Ferrol, o derrubamento dun edificio en ruínas obrigou a intervir aos servizos de emerxencias que confirmaron que non houbo persoas afectadas pero si varios coches, situados na Rúa de Carlos III. Acudiron os bombeiros de Ferrol, a Policía Nacional e Local.

En O Vicedo (Lugo), os membros de Protección Civil informaban ao 112 Galicia dunha incidencia ferroviaria. Un tronco caeu nas vías do tren á altura do cruce das Negradas e un tren que circulaba nese momento viuse afectado. As tres persoas que viaxaban no tren resultaron ilesas.

En canto á neve, tampouco constan incidencias de consideración no 112 Galicia. Aínda así, os medios dos concellos e da Deputación desprazáronse para a limpeza de varias estradas. En Chandrexa de Queixa (Ourense), os servizos sanitarios solicitaban medios ao 112 para a limpeza dunha estrada no lugar de Requeixo, tiñan que evacuar a un paciente e ambulancia non podía pasar. Tamén en San Xoán de Río (Ourense), varios coches tiveron que interromper a marcha por mor da presenza de neve.

Comentarios