Rexistran máis de mil incidencias por mor do temporal en Galicia

Rexistran máis de mil incidencias por mor do temporal en Galicia
Rexistran máis de mil incidencias por mor do temporal en Galicia

Os tipos de incidencias que máis se repetiron foron as relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas, que alcanzaron as 550

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar, entre as 00:00 de onte e as 08:00 de hoxe, preto de mil incidencias que tiveron relación cos episodios de meteoroloxía adversa na nosa Comunidade.

Despois de que finalizase a alerta vermella no litoral galego e a laranxa por vento nos concellos de costa da provincia da Coruña e Pontevedra, por provincias, a de A Coruña foi a máis afectada con 559 incidencias, seguida da de Pontevedra, na que se contabilizaron 234. Por outra banda, na de Lugo, alcanzáronse os 123 incidentes e, en Ourense, 52.

En canto aos concellos onde máis se deixaron notar os fenómenos meteorolóxicos adversos, destaca o de Vigo con 65 incidentes, seguido de A Coruña, onde se atenderon 45 e o de Santiago e Arteixo, onde se rexistraron 32 e 31, respectivamente.

Os tipos de incidencias que máis se repetiron foron as relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas, que alcanzaron as 550. Ademais, a prevención de riscos, os danos por meteoroloxía adversa e as incidencias relacionadas coa neve sumaron 130, 59 e 14 incidencias respectivamente.

Cómpre salientar que, e pesar de diminuír a súa intensidade, continúa a inestabilidade meteorolóxica cunha alerta de nivel laranxa no litoral lucense e coruñés e outra por neve na montaña de Lugo.

Comentarios
Lo más