Veciños de Touro participan no tradicional magosto da Plataform Mina Touro - O Pino NON, na parroquia de Bama

Veciños de Touro participan no tradicional magosto da Plataform Mina Touro - O Pino NON, na parroquia de Bama
Veciños de Touro participan no tradicional magosto da Plataform Mina Touro - O Pino NON, na parroquia de Bama

Un membro da plataforma tamén pronunciou un pequeno discurso sobre o estado actual de tramitación do procedemento na Xunta de Galicia, no que se lembraron os pasos dados desde que, hai xa máis de dous anos, saíra a información pública o proxecto de Cobre San Rafael

Un ano máis, a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON celebrou o seu xa tradicional magosto reivindicativo contra a mina na parroquia de Bama (Touro), este sábado. 

Veciñanza e colectivos que apoian a oposición ao proxecto mineiro achegáronse ata o salón parroquial para celebrar unha velada na que non faltaron petiscos, chourizos asados, chocolatada con biscoito e, por suposto castañas. 

Como novidade, este ano o colectivo Montescola, xunto co Centro de Saberes para a Sustentabilidade, puxeron en escea o espectáculo de monicreques basado na obra "A mina contamina", onde as protagonistas Pinga e Lavandeira desvendan as consecuencias da minería contaminante e encoraxan a cativos e adultos a tornárense parte activa da solución aos problemas causados polo extractivismo. 

Desta volta, ademáis, aproveitaron para presentar a canción "O canto da pinga e a lavandeira" adaptado ao caso de Touro.

O activismo contra a mina estivo presente en todo momento, tanto na decoración do local como nas viandas coas que os asistentes ao magosto colaboraron, con biscoitos e cabazas nos que se podía ler "mina non" ou "nin mina nin cheiros, só vida". 

Un membro da plataforma tamén pronunciou un pequeno discurso sobre o estado actual de tramitación do procedemento na Xunta de Galicia, no que se lembraron os pasos dados desde que, hai xa máis de dous anos, saíra a información pública o proxecto de Cobre San Rafael ata a recente defensa ante o Parlamento Europeo de tres peticións sobre a mina. 

VISITA DE ACTIVISTAS HONDUREÑAS

O mesmo día do magosto tamén estiveron en Touro as activistas Doris e Lucía, mulleres campesiñas de Honduras contra a minería e en defensa da terra. O seu paso por este concello poñía o broche final a unha semana en Galicia na que, a través do colectivo Enxeñería Sen Fronteiras, poideron intercambiar experiencias e coñecementos con diversos colectivos de loita contra a depredación dos recursos no noso país.. 

Logo da visita pola contorna da mina de Touro, onde poideron ver o estado lamentable no que se atopan os ríos que atravesan o concello logo do seu paso pola antiga explotación, as activistas tamén participaron coa veciñanza no magosto en Bama.

Comentarios