A Deputación e o Concello de Oroso colaboran na mellora dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés

A Deputación e o Concello de Oroso colaboran na mellora dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés
A Deputación e o Concello de Oroso colaboran na mellora dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés

Investirán 204.501 euros nun tramo que conectará Oroso Pequeno coa entrada de Sigüeiro a través do parque fluvial do río Carboeiro

O vicepresidente e deputado de Planes e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Oroso, Manuel Miras, asinaron o convenio de colaboración para o acondicionamento da senda peonil que atravesa desde Oroso Pequeno ao parque fluvial do Río Carboeiro, un tramo polo que circula o Camiño Inglés e que, até o momento, carecía dun paso seguro para persoas. O orzamento supera os douscentos mil euros, dos que Deputación achega 163.601, o 80% do orzamento das obras. 

Oroso contará cunha nova senda peonil que conectará o núcleo rural de Oroso Pequeno até a entrada de Sigüeiro, polo parque fluvial do río Carboeiro, un tramo utilizado frecuentemente polas persoas que percorren o Camiño Inglés, e que actualmente carecen dun paso seguro polo que transitar  polo que deben camiñar polo borde da calzada, cos conseguintes problemas de seguridade.

As obras suporán un investimento de 204.501 euros, dos que o 80% (163.601 €) serán achegados pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración, que asinaron Xosé Regueira e Manuel Miras.

A actuación consistirá en acondicionar unha senda uniforme que se dividirá en dous tramos. O primeiro empeza no núcleo de Oroso Pequeno até a avenida Alvaro Cunqueiro, discorrendo pola marxe dunha estrada municipal estreita. Dada a imposibilidade de ampliar o vial, proponse limitar o tráfico rodado a un só sentido, contrario ao fluxo peonil sa senda, pavimentando a beira dereita da estrada e unha parte da actual calzada. Así, o ancho mínimo para os coches será de 3,10 metros, mentres que a a senda terá un ancho de entre 1,20 e 150 metros.

O segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro, paralelo ao polígono industrial, ata o punto de cruce coa área recreativa do Carboeiro. Neste tramo, anchéase o borde lateral dereito da senda, realizando pequenos desmontes para adecuar a topografía ao recorrido do Camiño. Neste tramo proxéctase un sistema de recollida de pluviais en continuidade co existente no polígono industrial.      

Para a pavimentación da senda no seu conxunto proponse un pavimento terrizo ecolóxico, agás no cruce da área recreativa, onde se usará pavimento de formigón desactivado. 

Esta actuación pretende valorizar, crear e reforzar unha imaxe de identidade común en torno aos diferentes Camiños de Santigo e enmárcase nas accións da Deputación para a promoción do Camiño Inglés e para a mellora da experiencia dos peregrinos, con actuacións que ademáis de mellorar a seguridade, executánse de forma respectuosa co medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio.

Comentarios