Inaugurado o simposio "O libro e a lectura"

Inaugurado o simposio "O libro e a lectura"
Inaugurado o simposio "O libro e a lectura"

No acto inaugural tamén participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos

A concelleira de Educación, Noa Díaz, asisitiu á inauguración do simposio O libro e a lectura, da Asociación Galega de Editoras, que se celebra este xoves e mañá venres no auditorio do Consello da Cultura Galega. "O libro educativo na era dixital" é o tema desta edición do encontro, que reune diferentes expertos e promotores da edición de libro educativo coa finalidade de ofrecer formación sobre a actualidade ao sector e ao público en xeral. No acto inaugural tamén participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos.

Organizado pola Asociación Galega de Editoras e a Concellaría de Educación, coa colaboración de Cedro, Consello da Cultura Galega e Xunta de Galicia, este encontro profesional ofrece a posibilidade de conversar, debater e reflexionar sobre o libro educativo na era dixital, a transmisión do coñecemento no ensino e a convivencia do libro en papel e do libro dixital.

PROGRAMA

Dúas conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias vertebran un programa que arrincou coa conferencia de apertura a cargo de Antón Costa e co panel de experiencias "Editar libro educativo", con representantes das editoras galegas Baía, Tambre e Rodeira.

As sesións continúan na tarde, ás 16:30 horas, coa mesa redonda "Proxectos educativos dixitais", a cargo de José Moyano, presidente de ANELE; Ana Guerra, de Edicións Obradoiro; Xosé Manuel Moo, de Xerais; e a profesora Susana Trigo. Ás 18:30 h celébrase a mesa redonda "As ferramentas da educación" , con José Javier Pintor, asesor de formación do CFR da Coruña; o pedagogo Xesús Rodríguez e Olga Patiño Abeixón, representante da AS.PG, para pechar a xornada do xoves.

Mañá venres iniciarase a segunda xornada do simposio, ás 10:00 h, coa mesa redonda "O futuro da educación", con Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS galegas; Manuel Bragado, pedagogo e editor; e a profesora Paula Fernández Seoane. Finalmente, Gregorio Luri encargarase da conferencia de peche das xornadas (ás 12:30 horas). 

Comentarios