O programa de micromecenado ‘Sumo valor’ potencia a interactividade entre USC e sociedade

O programa de micromecenado ‘Sumo valor’ potencia a interactividade entre USC e sociedade
O programa de micromecenado ‘Sumo valor’ potencia a interactividade entre USC e sociedade

O apoio ao estudantado, o fomento de actividades culturais e deportivas, así como o fortalecemento do desenvolvemento e difusión da actividade investigadora da Universidade, son as liñas mestras que integran a iniciativa

A USC pon en marcha un programa de micromecenado co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que a Universidade desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. O reitor Antonio López presentou este xoves, no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), as liñas mestras desta iniciativa que se desenvolve baixo o lema ‘Sumo Valor’. 

López subliñou que esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende a Universidade. A iniciativa ‘Sumo Valor’ pon á disposición de quen o desexe, continuou o reitor, unha ferramenta que facilita realizar achegas.

Enténdese por microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros. 

Diferentes liñas de actuación

Este programa de micromecenado busca facer partícipe a toda a sociedade, sinalou Antonio López, dos valores e principios cos que a USC quere acadar a súa misión de preservación, xeración, transmisión e difusión do coñecemento de xeito socialmente responsable. A través desta iniciativa, a USC pretende ampliar a oferta de apoio ao estudantado con dificultades económicas ou en risco de exclusión social, así como ampliar o número de bolsas de comedores e reducir o tarifado das residencias universitarias. 

O programa ‘Sumo Valor’ tamén está dirixido a impulsar actividades culturais e deportivas. Esta liña permite participar na difusión da cultura da USC co obxecto de dar a coñecer á sociedade o seu patrimonio e as diversas actividades que desenvolve, así como favorecer o apoio da cidadanía á actividade deportiva e aos valores que a sustentan.

Esta iniciativa tamén aspira a fomentar a transferencia do coñecemento cara á sociedade mediante o impulso de actividades de difusión científica; así como dar pulo á actividade investigadora propiamente dita xa que, a través de microdoazóns, pode facerse partícipe á sociedade daquelas actividades ou proxectos científicos propios da USC, enfocados á procura dun desenvolvemento sustentábel mediante accións innovadoras e de clara vontade social.

De acordo coa normativa existente neste ámbito o mecenado poderá materializarse mediante doazóns, que poderán ser de diñeiro, de bens ou de dereitos, e os doantes poderán, se así o desexan, figurar nunha web de uso exclusivo para doazóns, sen prexuízo de outras distincións ou recoñecementos de que poidan ser obxecto.

Deduccións fiscais

No caso das persoas físicas, a combinación da dedución estatal máis a autonómica, cando se cumpran todos os requisitos, pode elevar a dedución no IRPF ata o 100 % das cantidades doadas. Pola súa parte, os suxeitos pasivos do Imposto sobre Sociedades terán dereito a deducir da cota íntegra, minorada nas deducións e bonificacións previstas nos capítulos II , III e IV do Título VI da Lei 43/1995, do 27 de decembro, do Imposto sobre Sociedades. 

Comentarios