A Área Sanitaria de Santiago potencia as ecografías nos centros de saúde

A Área Sanitaria de Santiago potencia as ecografías nos centros de saúde
A Área Sanitaria de Santiago potencia as ecografías nos centros de saúde

Con profesionais do Servizo de Radiodiagnóstico organiza estes días un curso de Ecografía básica dirixido a Médicos de Familia

A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza aposta polo incremento da capacidade resolutiva dos profesionais sanitarios de Atención Primaria e, dentro deste obxectivo está a desenvolver un curso de ecografía básica impartido por membros do servizo de Radioloxía da área e dirixido a médicos de Familia. Amais, nestes días están a chegar a 5 centros de saúde os novos ecógrafos recentemente adquiridos. Este incremento tecnolóxico enmarcase dentro do Plan de Atención Primaria que está a desenvolver a Consellería de Sanidade.

A dirección de Atención Primaria da área compostelá busca así mellorar a capacitación dos médicos de familia na realización de probas e procedementos de uso frecuente dentro da súa práctica clínica diaria, como é a ecografía e a súa interpretación. A ecografía é unha proba complementaria de gran utilidade nos centros de saúde xa que axuda a confirmar ou descartar, coa obtención de imaxes, as sospeitas clínicas xeradas en consulta. Para fomentar o uso dos nosos ecógrafos na práctica clínica diaria, é necesaria unha formación fundamentalmente de carácter práctico.

Os radiólogos Enrique Flores e Rafael Varela son os docentes que imparten estes dous cursos aos 9 médicos de familia admitidos nesta formación eminentemente práctica, con participación restrinxida para optimizar a eficacia. Estes profesionais desenvolven a súa actividade nos centros de A Estrada, Concepción Arenal, Muros, Ordes, Padrón, Noia e Santa Comba, que contan xa con ecógrafo.

Os profesionais acadaron coñecementos e habilidades en aspectos técnicos para a realización de exploracións ecográficas en AP o que redundará na calidade da atención ao paciente diagnosticado de patoloxías prevalentes nos seus centros de saúde que precisan da ecografía para descartar patoloxía ou orientar sobre a urxencia da mesma, o que redundará tanto na diminución das esperas como na mellora da calidade da súa atención sanitaria, buscando a excelencia asistencial.

Para cumprir cos obxectivos do curso deseñouse un programa fundamentalmente práctico, en dúas xornadas por edición no que se impartiron as seguintes materias: principios físicos do ultrasón e artefactos, manexo de ecógrafos, ecoanatomía abdominal, exploración de fígado, vesícula biliar e vías biliares, exploración de ril, vexiga e próstata, e exploración tiroidea.

Ademais da formación teórico-práctica do curso, estes 17 médicos de familia terán a posibilidade de rotar pola sala de diagnóstico ecográfico do hospital Clínico como parte da súa formación. A formación en Ecografia para AP da área sanitaria compostelá está liderada por profesionais do servizo de Radioloxía que estableceron os mesmos criterios formativos de calidade para os médicos de familia que incorporen a ecografía á súa carteira de servizos.

Renovación tecnolóxica AP de máis de 900.000 euros

A área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza está a renovar este ano equipamento electromédico e mobiliario sanitario e de oficina en todos os seus centros de saúde por valor de preto de millón e medio de euros (1.423.825 €), dentro das medidas a curto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 do Servizo Galego de Saúde aprobado o pasado mes de maio.

Así, adquiriranse máis de 260 equipamentos electromédicos: 70 electrocardiógrafos; 45 desfibriladores; 5 ecógrafos; 24 holter de presión arterial, 37 espirómetros, 5 retinógrafos, 17 dermatoscopios, 71 pulxiosímetros e 6 autoclaves , cun orzamento de 906.049 euros. Ademais tamén se incorporará diverso mobiliario sanitario e administrativo, como padiolas, padiolas xinecolóxicas, sillón dental, carros de curas, cadeiras, entre outros, que se veñen sumar a outras compras menores que se realizan de xeito periódico.

Os equipos de electrocardiografía (ECG) están dotados cun módulo de integración cos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde, como todo o equipamento electromédico novo, o que permitirá que o especialista poida acceder de forma directa aos datos do electrocardiograma. Este modo de traballo permitirá un diagnóstico máis preciso, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Con respecto aos desfibriladores, entre as especificacións técnicas solicitadas destacan que os equipos estean dotados de alta enerxía para a desfibrilación, adquisición de ECG a través de pas e a través de cable de paciente permitindo a súa monitoraxe, rexistro e almacenamento dos sucesos (en modo manual e semiautomático), así como a incorporación de pas externas reutilizables de uso en pacientes adultos e pediátricos.

Nos holter de presión arterial, (sistema de medida, almacenamento e análise da presión arterial de xeito ambulatorio, formado por unha unidade de gravación e software de xestión da información almacenada) se mellora a capacidade da batería, maior tempo de gravación, rango de medición do pulso, entre outros requisitos técnicos, específicamente coas posibilidades de programación do equipo e parámetros mostrados na pantalla, etc.

Os novos espirómetros (proba básica no estudo das enfermidades respiratorias para avaliar a función pulmonar que aporta información da cantidade dos fluxos pulmonares) incorporarán características relacionadas con probas de patrón ventilatorio, incorporación de programas de calibración, maior número de parámetros medidos, entre outras melloras nas espeficacións técnicas.

Os retinógrafos (equipos de sobremesa non midriático para a captura de imaxes retinianas sen dilatación pupilar) contan cunha cámara de fondo de ollo dixital de alomenos 3 megapíxeles, permitirá traballar con diámetros mínimos de pupila de 4mm ou inferiores, ou con sistema de edición de imaxe integrado entre outras 20 especificacións mínimas requeridas nos pregos de contratación.

Comentarios
Lo más