Oroso, un ano máis, súmase a campaña En Negro contra a violencia machista

Oroso, un ano máis, súmase a campaña En Negro contra a violencia machista
Oroso, un ano máis, súmase a campaña En Negro contra a violencia machista

“A campaña ten como obxectivo facer un chamamento á reflexión, dando visibilidade ao rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”, asegura Isabel Fernández

O Concello de Oroso adhírese por terceiro ano consecutivo á campaña ‘En Negro’ para dar visibilidade á loita contra a violencia machista.

“A campaña ten como obxectivo facer un chamamento á reflexión, dando visibilidade ao rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”, asegura Isabel Fernández, concelleira de Mulleres de Oroso.

“Dende o Concello de Oroso facemos ese chamamento á participación e a mobilización cara a facer pública a repulsa social contra esta lacra que seguimos a padecer na nosa sociedade”, engade.

O día 25 de novembro, ás 12:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo (diante do concello), darase lectura ao manifesto institucional para comprometer a todos os poderes públicos nesta loita.

“O concello de Oroso quere visibilizar con esta campaña ás que xa non están, a todas esas vítimas que xa non poden alzar a voz e denunciar este grave feminicidio que algúns tratan de silenciar”, sostén Isabel Fernández, “esas 51 sombras teñen nome, tiñan familia, traballo, soños e ilusións, pero tamén tiñan un asasino que acabou coas súas vidas”. 

“Non podemos consentir máis esta situación. As vidas das nosas fillas, irmás ou nais están en xogo, calquera desas sombras pode ser unha delas no futuro se non actuamos; queremos dicirlle á cidadanía que non mire para outro lado, que actúe!”, engade.

Son varias as vías dende as que a cidadanía se pode sumar a este compromiso en Oroso: achegándose á concentración do día 25; achegándose ao acto vestida ou vestido de negro; ou difundindo e usando o material deseñado dentro desta campaña.

Na presente edición, o Concello de Oroso deseñou distintos materiais para difundir e facer un chamamento á reflexión. O obxectivo é aportar un grao de area máis na loita contra a desigualdade social e favorecer a existencia dunha sociedade igualitaria.

Comentarios
Lo más