Condenan a seis meses de cárcere un sindicalista por agredir a un policía nunha protesta nun acto electoral do PP en Ferrol

Condenan a seis meses de cárcere un sindicalista por agredir a un policía nunha protesta nun acto electoral do PP en Ferrol
Condenan a seis meses de cárcere un sindicalista por agredir a un policía nunha protesta nun acto electoral do PP en Ferrol

Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou o que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol a seis meses de prisión por agredir a un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral. O tribunal considerouno culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. 

Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre uns manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado “agarrou cunha man a un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco”. A Audiencia sinala  que o axente “tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado tentaba evitalo fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado o axudou”.

“As testemuñas que declaran por instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos”, recalca a Audiencia, quen considera probado que se produciu “unha agresión, unha acometida, a un axente da autoridade cando desempeñaba a súa función, protexer a evacuación duns cargos públicos, nunhas condicións que en absoluto permiten pensar nunha menor entidade nin no ánimo defensivo”. 

Comentarios