Os contacontos inclusivos de Vero Rilo e da Federación de Asociacións de Persoas Xordas abren o programa do II Festival Brión Inclúe

Os contacontos inclusivos de Vero Rilo e da Federación de Asociacións de Persoas Xordas abren o programa do II Festival Brión Inclúe
Os contacontos inclusivos de Vero Rilo e da Federación de Asociacións de Persoas Xordas abren o programa do II Festival Brión Inclúe

O centro social polivalente acolle hoxe a representación da obra “Construíndo soños”, da Compañía 5S, e o domingo un concerto do grupo “Naranja Imaginario"

Os contacontos inclusivos de Vero Rilo, para o alumnado de 1º da ESO do IES Brión,e os contacontos en linguaxe de signos e un obradoiro de iniciación á linguaxe de signos da Federación de Asociacións de Persoas Xordas, para o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Pedrouzos, abriron a programación do II Festival Brión Inclúe. Unha iniciativa que busca a inclusión real de persoas con discapacidade e que está organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega e cofinanciada por Gadis e Froiz.

Vero Rilo presentou en Brión o contacontos inclusivo “Falar a mans cheas”, acompañada pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e polo coordinador do festival, Fran Rei. Vero Rilo, educadora na Escola Semente, ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos e presentou en Brión un formato que combina música e conto. Este venres, o CEIP de Pedrouzos acolleu un obradoiro da Federación de Asociacións de Persoas Xordas para poñer o valor a utilización da lingua de signos, que forma parte da identidade de moitas destas persoas e constitúe un medio para poder comunicarse e integrarse de forma plena na sociedade.

Fin de semana

Durante esta fin de semana, o centro social polivalente de Brión acollerá a exposición “Disorders”, de Saúde Mental FEAFES Galicia. Hoxe ás 20:30 horas, a Compañía 5S porá en escena a obra “Construíndo soños”, un proxecto de inclusión social a través das artes tomando como base a historia do Barrio da Sagrada Familia e da comunidade que o habita. Partindo da temática da túa historia e da historia do Barrio, da palabra, para engadirlle o corpo en movemento, a fotografía e a banda sonora que dará música á historia de cada un

O domingo 24, ás 12:00 horas, terá lugar un concerto do grupo Naranja Imaginario, unha banda de pop electrónico e psicodelia cósmica nacida no 2015 e composta por persoas con discapacidade intelectual que atoparon nos sintetizadores, pads e baterías electrónicas unha poderosa vía de creación e comunicación coa vida e a cultura. Estarán acompañados polo alumnado da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión e Fátima Pego.

Finalmente, o domingo terá lugar un mercado solidario dos colectivos e asociacións participantes no II Festival Brión Inclúe: Federación de Asociacións de Persoas Xordas, Saúde Mental FEAFES Galicia, Grupo de Teatro Muxicas, Asociación Proxecto Máscaras, grupo Naranja Imaginario, Compañía 5S e DOA Saúde Mental.


Comentarios