Remata o curso da Escola de Familias de Rianxo

Remata o curso da Escola de Familias de Rianxo
Remata o curso da Escola de Familias de Rianxo

A Escola de Familias é unha actividade que o Concello de Rianxo encadra dentro do Proxecto Apego

O pasado venres tivo lugar a última sesión do obradoiro de Mindfulness en Familia, que pechou o curso 2019 da Escola de Familias rianxeira.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo, Adelina Ces Quintáns, entregoulles os diplomas ás persoas que asistiron a este obradoiro impartido pola psicóloga infantil Raquel Bello, de Espazo Oikos.

Durante o curso 2019 impartíronse en Rianxo tres obradoiros sobre diversos temas de interese para as familias e para o persoal docente e coidador: Disciplina Positiva, Alimentación Saudable e este último, de Mindfulness en Familia. Cada obradoiro constou de cinco sesións de entre unha e dúas horas de duración cada unha e foron impartidos por profesionais de recoñecido prestixio nestas áreas, a pedagoga María Paredes, a nutricionista infantil Lidia Folgar e a propia Raquel Bello.

A Escola de Familias é unha actividade que o Concello de Rianxo encadra dentro do Proxecto Apego, que é un programa intermunicipal que pretende mellorar a socialización en lingua galega como lingua inicial.

Agora, o Concello de Rianxo está a planificar a vindeira edición da Escola de Familias 2020, para o que está a ter en conta as suxestións das familias que participaron nos obradoiros deste ano. A Escola de Familias 2020 promete traer novidades ben interesantes. 

Comentarios