Arquivan a causa contra os altos cargos do Sergas investigados pola morte de pacientes de hepatite C

Arquivan a causa contra os altos cargos do Sergas investigados pola morte de pacientes de hepatite C
Arquivan a causa contra os altos cargos do Sergas investigados pola morte de pacientes de hepatite C

O procedemento deseñado polo Sergas para garantir o acceso dos pacientes aos novos medicamentos da hepatite C, segundo o auto, é “moi similar ao aplicado noutras comunidades autónomas”

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto ao director de Asistencia Sanitaria e á subdirectora de Farmacia do Servizo Galego de Saúde (Sergas), os cales foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por, presuntamente, non facilitar o tratamento de pacientes de hepatites C.

“Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes lles sexa imputable causalmente aos investigados”, indica o maxistrado, quen subliña que “o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos”. O xuíz destaca que os medicamentos “se achaban aínda en fase case experimental e cuns resultados que aínda eran incertos, de aí a necesidade de que as autoridades sanitarias deseñasen mecanismos ou procedementos destinados a precisar con sumo coidado aqueles casos en que estaría indicada a súa aplicación”.

O auto, que pode ser recorrido, sinala que tampouco se pode concluír que, se se lles aplicasen aos pacientes os novos fármacos, se evitaría o seu falecemento. “Se analizamos o exhaustivo informe que foi emitido polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), a conclusión que se extrae é que o falecemento dos pacientes se produciu por causas alleas á subministración dos novos fármacos”, recalca o xuíz, quen engade que do informe forense se infere que os novos tratamentos antivirais “o que conseguían era unha eficacia moi alta á hora de eliminar o virus da hepatite C, pero iso non quere dicir que os pacientes se curasen”.

O procedemento deseñado polo Sergas para garantir o acceso dos pacientes aos novos medicamentos da hepatite C, segundo o auto, é “moi similar ao aplicado noutras comunidades autónomas”. O maxistrado sinala que na data dos feitos os novos tratamentos “nin sequera se achaban plenamente admitidos pola Axencia Europea do Medicamento, de modo que o seu acceso só podería facerse de modo extraordinario como uso compasivo para aqueles pacientes nunha situación de especial gravidade”. Ademais, indica que as autoridades sanitarias debían “cinguirse ás esixencias do titular da patente, neste caso Gilead, único laboratorio que os fabricaba”.

Comentarios