O Concello amplía o prazo de inscrición no Programa de Conciliación de Nadal

O Concello amplía o prazo de inscrición no Programa de Conciliación de Nadal
O Concello amplía o prazo de inscrición no Programa de Conciliación de Nadal

O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos rapaces e rapazas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia

Ata o xoves 12 de decembro permanecerá aberta a inscrición e matrícula no Programa Municipal de Conciliación de Nadal. Desenvolverase os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2019 e o 2, 3 e 7 de xaneiro de 2020 no CEIP Monte dos Postes e no CEIP Ramón Cabanillas.

O Programa de Conciliación está dirixido á nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que cursen estudos de Infantil ou Primaria en centros educativos de Compostela. O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos rapaces e rapazas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.

O horario do campamento de Nadal será de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se ofrece a posibilidade de que as familias poidan solicitar a maiores un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

As familias teñen a opción de elixir a modalidade completa, para os nove días, ou xornadas soltas. A previsión de participantes é de 100 entre os dous centros e de 50 participantes tanto no servizo de comedor coma no de madrugadores:

INSCRICIÓN E MATRÍCULA

O prazo de inscrición e matrícula estará aberto ata o 12 de decembro. Para participar no programa, as familias terán que cubrir o impreso de matrícula e entregalo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Xunto co impreso de inscrición achegarase o xustificante de pagamento na conta bancaria municipal en Abanca ES89 2080 0388 2031 1000 2662.

Os solicitantes deberán estar empadroados no Concello de Santiago ou estar matriculados nun centro educativo do municipio de Santiago.

O Departamento Municipal de Educación facilitará os correspondentes impresos de matrícula no programa e publicará a lista de admitidos e, no seu caso, excluídos nesta páxina web. No caso de existir máis demanda que prazas ofertadas realizarase un sorteo público.

En canto aos prezos, oscilan dende os 181,35 euros da modalidade completa (madrugadores con almorzo, xantar e actividades) ata os 11,25 euros da modalidade de só actividades nun día solto. Haberá descontos do 20% para quen acredite ser familia numerosa ou monoparental, ou cando participen dous/dúas irmáns/ás no programa. Tamén se fixaron prezos especiais, con reducións do 50% ou do 100% do custo para familias con escasos recursos.

Comentarios