Bugallo reafirma que as actuais regras de gastos son "inxustas" para os concellos

Bugallo reafirma que as actuais regras de gastos son "inxustas" para os concellos
Bugallo reafirma que as actuais regras de gastos son "inxustas" para os concellos

Segundo o rexedor, "está habendo toda unha serie de limitacións que teñen un único fin: evitar que os concellos gasten cartos"

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo participou onte na apertura da X Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que, baixo o lema "O valor do poder local", se celebra no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.

Despois do acto, e a preguntas dos medios, o alcalde sinalou que a maior parte dos problemas que "están condicionando a actividade municipal" dependen do Goberno central. "Estamos a falar da regra de gasto e das diferentes disposicións económicas do ministro Montoro, que seguen en vigor e que están sendo dunha perversidade inimaxinable". Sánchez Bugallo puxo exemplos: "os concellos, se non gastaron cartos o ano pasado, non os poden gastar ao seguinte; un concello se non ten débeda, tampouco se pode endebedar…". Son unhas regras, engadiu, que "non se aplican nin ás comunidades autónomas nin ao propio Estado e que están condicionando e limitando gravemente a actividade municipal"

Segundo o rexedor, "está habendo toda unha serie de limitacións que teñen un único fin: evitar que os concellos gasten cartos". En realidade, di, con iso a quen se está a prexudicar é aos veciños e veciñas, xa que, explicou, "a Administración local é, con enorme diferencia, a máis saneada e a menos endebedada das Administracións públicas". Concluíu Sánchez Bugallo que é imprescindible modificar as "leis de Montoro", que ao Estado lle veñen moi ben, porque se xera un superávit ficticio que tapa o déficit excesivo doutras administracións públicas". Pero iso, rematou, "é inxusto e negativo para a cidadanía, porque afecta aos servizos que se lle ten que prestar".

ASEMBLEA

Neta Asemblea da FEGAMP estaba previsto aprobar as normas de funcionamento interno, presentar a memoria de xestión do período 2015-2019, constituír a mesa da Asemblea e debater as distinta propostas de resolución. Xa pola tarde, escolleranse os órganos de goberno da FEGAMP.

A Federación Galega de Municipios e Provincias é unha entidade asociativa constituída polos 313 concellos galegos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.

Naceu en 1988 co obxectivo de promover, representar e defender os intereses dos organismos locais galegos. Con sede única en Santiago de Compostela, a FEGAMP conta cun corpo administrativo propio e cuns órganos de goberno que se renovan cada catro anos en función do mapa político municipal galego. 

Comentarios