O Pleno aproba destinar 131.465 euros do superávit para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña

O Pleno aproba destinar 131.465 euros do superávit para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña
O Pleno aproba destinar 131.465 euros do superávit para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña

A Corporación municipal aprobou esta semana no pleno ordinario de novembro o suplemento de crédito 4/2019, a través do cal se destinan 131.465 euros do superávit da liquidación do exercicio 2018, para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña.

Tamén se aprobou o suplemento de crédito 5/2019 por valor de 422.056 euros; o suplemento de crédito 6/2019 por valor de 55.832 euros para a segunda fase dos orzamentos participativos; prorrogar polo prazo dun ano o contrato asinado con Urbaser S.A para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo; o estudo de detalle das parcelas 14, 15, 16 e 17 do Plan Parcial do Polígono industrial do Milladoiro; e unha proposta de Ciudadanos para a creación dunha sección da escola oficial de idiomas en Ames. Ademais, foi rexeitada unha proposta do grupo municipal en defensa das liberdades educativas, concretamente do ensino nos centros educativos concertados.

O pleno ordinario de novembro comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información periódica a render ao Pleno, correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2019. Deste xeito, dixo que o período medio de pago a provedores no Concello de Ames está en 7,72 días, moi por debaixo do que establece a lei que son 30 días.

A continuación, a Corporación municipal aprobou por unanimidade as actas dos plenos celebrados o 31 de outubro e mailo 13 de novembro, así como a aprobación definitiva do estudo de detalle das parcelas 14, 15, 16 e 17 do Plan parcial do polígono industrial do Milladoiro, promovido por Santiago Sur Galicia, S.L. Dito estudo foi aprobado de xeito inicial en Xunta de Goberno Local e posteriormente someteuse a información pública. Durante ese período presentáronse tres alegacións ao documento, que foron desestimadas polo que agora cumpría a aprobación definitiva do estudo de detalle.

Outro dos asuntos aprobados foi a prorroga, por cuarta vez e polo prazo dun ano, do contrato asinado con Urbaser S.A. para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames, dende o 15 de xaneiro de 2020 ata o 14 de xaneiro de 2021. Este tema saíu adiante co voto a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego. Os/as edís do grupo municipal popular votaron en contra e o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que agardan que esta sexa a última prórroga de dito contrato. Destacou que se está traballando na elaboración duns pregos para licitar este servizo e que, deste xeito, no novo contrato se amplíen as zonas municipais onde se realizan os traballos de limpeza, a posta en marcha dun Punto Limpo móbil, a mellora das instalacións do Punto Limpo do Milladoiro e maila inclusión de nova maquinaria eléctrica e máis ecolóxica. Ademais, apuntou que nas próximas semanas se fará unha xuntanza, para crear unha comisión de traballo, co obxectivo de aprobar uns pregos acordados entre todos os grupos políticos municipais.


Aprobación de tres suplementos de crédito

De seguido pasouse a aprobación de tres suplementos de crédito por valor de 609.353 euros. Primeiro aprobouse por unanimidade o expediente de modificación orzamentaria número 4/2019, na modalidade de suplemento de créditos, por un importe de 131.465 euros, para sufragar a mellora dun viario interior en Biduído de Abaixo, a pavimentación de varias rúas do Milladoiro (rúas Pardiñeiros, Cruxa, Agro do Medio e rúa de Abaixo) e maila mellora do parque infantil da Condomiña.

En segundo lugar aprobouse o suplemento de crédito 5/2019, por valor de 422.056 euros. O importe de gastos correntes ascende a 192.191,72 euros e responde fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos nos que o crédito resultou insuficiente. Por outra banda, os gastos de investimentos ascenden a 229.865 euros, algúns deles xa realizados e outros pendentes de realizar pero necesarios, xa que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os/as edís do grupo municipal popular e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.

O terceiro suplemento de crédito aprobado foi o 6/2019 financiado con baixas por anulacións para desenvolver a segunda fase do proxecto de Orzamentos Participativos 2019. Deste xeito, vanse a executar obras, que foron elixidas pola propia veciñanza, de mellora de estradas (mellora e ampliación do acceso á Pontenova desde Arufe, na parroquia de Agrón; mellora de acceso en Quistiláns, na parroquia de Bugallido; e mellora de acceso en Outeiro, na parroquia de Bugallido); en instalacións deportivas (mellora da pista polideportiva en Covas); de saneamento (canalización mediante tubaxe nova do lavadoiro de Paramuíño e reposición de nova tubaxe de saneamento, abastecemento e pluviais en Covas); recollida de residuos (adquisición de suxeita contedores de residuos sólidos urbanos para dous tipos de recipientes en Ames); parques e xardíns (adquisición de bancos e mesas de pedra para o campo da festa e a carballeira do local social de Agrón); e en vías públicas (instalación dunha nova marquesiña no lugar de Raíces; e instalación de taboleiros de anuncios en Bugallido, Covas, Ortoño e Biduído). Para executar estas actuacións destinaranse 55.832,94 euros. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os/as edís do grupo municipal popular votaron en contra e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.




Comentarios
Lo más