Denuncian que a Inspección Educativa presiona os centros para incrementar ao máximo a carga lectiva nos mestres

Denuncian que a Inspección Educativa presiona os centros para incrementar ao máximo a carga lectiva nos mestres
Denuncian que a Inspección Educativa presiona os centros para incrementar ao máximo a carga lectiva nos mestres

Nas instrucións que está a dar a Inspección indícase, por exemplo, que ningún docente pode superar tres gardas lectivas, sinalando como cifra de referencia as dúas gardas

Con visitas aos equipos directivos, mediante chamadas telefónicas ou con correos electrónicos. Nas últimas semanas numerosos centros docentes recibiron a alerta da inspección de que tiñan que acomodar os horarios do seu profesorado. Outros moitos centros non tiveron coñecemento desta nova medida de presión e recortes xa que o seu persoal docente xa cumpre as instrucións nas que agora incide a Consellaría.

Nas instrucións que está a dar a Inspección indícase, por exemplo, que ningún docente pode superar tres gardas lectivas, sinalando como cifra de referencia as dúas gardas. Hai centros nos que o persoal docente tiña máis horas de garda, que se usan para substituír puntualmente a ausencia de profesorado que non é substituído. Agora, obrígase a que con carácter preferente esas sesións se dediquen á realización de apoios e reforzos a alumnado con necesidade específica de apoio educativo, mais con truco.

O profesorado é usado como comodín: se non hai que substituír, fanse reforzos educativos até o tope do horario; se é preciso substituír, eses apoios xa non son tan importantes e pasaríanse a realizar as gardas necesarias, modificando os horarios e a organización do centro. Esta é a importancia que para a Consellaría ten o profesorado, a autonomía dos centros e a atención á diversidade. Unha atención á diversidade absolutamente deficitaria en persoal e que non pode descansar en aumentar o tempo de traballo dos e das mestras senón en conseguir que o faga nas mellores condicións.

PROFESORADO DE PT E AL, COS HORARIOS AO MÁXIMO

A Inspección tamén está revisando os horarios para forzar que o profesorado de PT e AL dedique as súas horas de clase á docencia do alumnado con NEAE, o que implica que se impide que teñan asignadas outras tarefas ou gardas de clase. Isto é, 25 horas de atención á diversidade: nin coordinacións nin tempo para nada máis.

ELEVAN O CONTROL SOBRE AS DINAMIZACIÓNS E AS ACTIVIDADES NON LECTIVAS

Nun momento no que precisamente está enriba da mesa o debate sobre a recuperación das 21 horas lectivas coas que contaban as mestras e mestres até 2011, aumentando o tempo para coordinacións e dinamizacións, a Consellaría a través da Inspección, presiona para que se revisen os horarios e non se computen, con carácter xeral, a maioría das dinamizacións e forzando que se xustifiquen as actividades computábeis como lectivas con todas as tarefas que se realizan. De novo, a Inspección é usada como un órgano que limita a propia capacidade dos centros para organizarse autonomamente e que está máis preocupada por reducir profesorado que por apoiar medidas que fomenten a calidade dos centros.

FOLGA 12 DE DECEMBRO

Actuacións como estas indican ben ás claras que a consigna política da Consellaría, da que a Inspección é fiel executora, é frear os intentos do profesorado de recuperar os seus dereitos e volver ao horario lectivo de 21 horas nos centros de Infantil e Primaria. É, por tanto, unha razón máis para mobilizarnos e facer fronte a unha Consellaría disposta a manter o profesorado nas peores condicións de traballo desde hai máis dunha década. O 12 de decembro teremos unha ocasión de facer ouvir a nosa voz, defender os nosos dereitos e a calidade do servizo público que prestamos.

Comentarios
Lo más